Xunta de Portavoces de Cangas.

Tódolos grupos da corporación e o Consello Municipal de Saúde acordaron esta tarde saír á rúa para frear a medida do Sergas e pedir máis persoal

En apenas 10 minutos os portavoces dos diferentes partidos que compoñen a corporación de Cangas, incluído o PP, acordaron convocar unha manifestación para este venres 25 de xuño ás 20:30 horas que percorrerá desde o Concello ata a Alameda. Unha decisión que pouco despois foi avalada polo Consello Municipal de Saúde que se celebrou a continuación da Xunta de Portavoces. «Cremos que se non hai presión social o máis probable é que non nos escoiten», indicou a alcaldesa, Vitoria Portas.

O lema elixido será «En defensa da Sanidade Pública. Pola mellora da Atención Primaria e Ambulancia Xa!». Con este escrito elaborarase cartelería e dúas pancartas, unha en formato horizontal e outro vertical que tamén colgarán da fachada do Concello. A invitación para participar está aberta a tod@ s os veciños de Cangas pero tamén aos municipios limítrofes, especialmente a Moaña que tamén se vería afectada por este peche ao ter as urxencias no PAC de Cangas. Se con esta mobilización do venres non se consegue revogar a decisión do Sergas, repetirán a convocatoria semanalmente.

O peche de tarde do centro de saúde de Cangas afecta directamente a 6000 persoas que teñen o médico polas tardes.

Aínda que a manifestación levará a cabo de forma inmediata dado que o día 1 de xullo sería a data en que se clausuraría o centro de saúde, desde a Cig e tamén os diferentes colectivos aseguran que o foco do problema hai que poñelo na carencia de persoal médico que leva sufrindo na sanidade canguesa porque «non se cobren baixas nin se contrata persoal de substitución». O que provoca un tempo de espera para as citas telefónicas superior a 15 días e, como extremo, o peche de tarde durante o verán.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *