Cartel na porta do centro de saúde de Moaña.

O salario medio previsto con dúas gardas/mes e xornada ordinaria de luns a venres en quendas de mañá ou tarde ou deslizante será de 65.000 euros ao ano

Mañá martes, 31 de maio, remata o prazo para a presentación de solicitudes á Oferta Pública de Emprego realizada pola Xunta de 15 prazas de médico na especialidade de atención primaria na Área Sanitaria de Vigo, tres delas para Moaña e unha para Cangas.

Mediante esta OPE, cuxo proceso de selección se levará a cabo a través do sistema de concurso de méritos, Galicia convértese na primeira Comunidade en adoptar este sistema selectivo para captar médico. A convocatoria ten como obxectivo paliar o déficit de facultativos na atención primaria e dar resposta adecuada ás necesidades deste nivel, garantindo a continuidade asistencial con criterios de calidade e tendo en conta as dificultades excepcionais relacionadas coa escaseza de profesionais médicos de familia, así como as actuacións previstas no Plan galego de atención primaria 2019-2021, e a necesidade de establecer cambios na prestación asistencial e na ordenación dos recursos humanos dos equipos de atención primaria.

Así, poden participar neste procedemento todos aqueles MIR que estean no último ano de formación na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria. O salario medio previsto con dúas gardas/mes e xornada ordinaria de luns a venres en quendas de mañá ou tarde ou deslizantes (mañá/tarde días alternos), será de 65.000 euros ao ano. Darase aos candidatos presentados unha puntuación adicional pola prestación de servizos en centros sanitarios illados. Tal e como se recolle na convocatoria, na área sanitaria de Vigo os concellos con condición de illamento son: Arbo, Crecente, Covelo, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén e Oia.

Características

Entre as características das novas prazas é salientable o carácter mixto que posúen no referido á prestación de servizos, pois combinarán a atención sanitaria nos centros de saúde como nos Puntos de Atención Continuada (PAC).
As persoas que desexen tomar parte no proceso selectivo deben cubrir unha única solicitude de participación, no modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional ( Fides/ expedient-e/Sección de Procesos/ OPE).

As persoas seleccionadas neste proceso, unha vez acrediten dous anos de permanencia na situación de servizo activo no desenvolvemento das funcións desta categoría, poderán participar, por promoción interna, nos procesos de selección fixa para o acceso ás categorías de persoal médico de familia, de urxencias hospitalarias ou persoal médico de hospitalización a domicilio, para as que habilita a mesma titulación de acceso.

Así mesmo, transcorrido un ano desde a toma de posesión poderán participar no concurso de traslados aberto e permanente para o acceso a outros destinos da mesma categoría, dentro do Servizo Galego de Saúde.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *