A viceportavoz do Grupo Socialista, Leticia Gallego, reclamoulle á Xunta que repare os vestiarios e cambie a pista do polideportivo do IES de Rodeira – Cangas- “este mesmo ano”. Gallego visitou esta mañá o Instituto xunto coa candidata socialista no Concello, Iria Malvido, onde mantiveron un encontro co director do centro e presentaron as iniciativas parlamentarias que os socialistas levarán ao Parlamento para reclamar a mellora das instalacións deportivas deste centro educativo.
Gallego denunciou as “condicións pésimas” nas que se atopan as instalacións deportivas deste centro, que atende a 1.100 alumnos da zona e no que traballan 102 persoas, ademais dos veciños e veciñas da localidade, que o empregan polas tardes e durante as fins de semana. Advertiu que o seu estado actual “impide desenvolver de forma correcta toda a actividade deportiva que desprega”.
Lamentou o desinterese do PP e do goberno galego, logo de lembrar que no último debate de Orzamentos negáronse a incorporar unha emenda presentada polos socialistas para executar esta obra canto antes. Lamentou que o goberno galego “non quere investir na mellora do Instituto”, xa que tamén se teñen negado a modificar a caldeira da calefacción por unha máis eficiente nin a cambiar a cuberta do centro.
A parlamentaria socialista declara que o IES de Rodeira atende a alumnos fundamentalmente do Morrazo, se ben os ciclos formativos contan tamén con alumnado procedente de Vigo e de Pontevedra. Ademais, salienta o aumento da escolarización no centro rexistrado nos últimos cursos con estudantes estranxeiros, que incentivaron “unha reflexión do centro para facilitar a integración e respectar a diversidade cultural”.
Ademais dos ciclos formativos, E.S.O. e Bacharelato, o IES de Rodeira oferta un grupo de teatro, un coro, unha revista, actividades deportivas, saídas culturais, así como certames literarios e matemáticos. A maiores, o IES colabora cos servizos municipais de prevención de drogodependencias, información á muller, educación e servizos sociais.