Kevin Gonzáles é un dos dous fillos do moañés Fernando González, de 55 anos, aínda desaparecido tras o naufraxio do pesqueiro Villa de Pitanxo no que faenaba en augas de Terranova, en Canadá. Sereno e con moita enteireza está a actuar como portavoz da familia neste duro momento que lles tocou vivir. Desde que onte ao mediodía decatouse da noticia polos medios de comunicación, vive pendente do teléfono e de calquera información que poida lanzar luz sobre a situación do seu proxenitor.
«Todo o que sabemos é polos medios de comunicación. Cando me decatei onte do ocorrido inmediatamente chame á armadora (Grupo Nores) e confirmáronme as sospeitas, o meu pai estaba entre os tripulantes do barco naufragado», relata desde o porto de Meira onde se cita con Morrazo Noticias, desde onde lamenta que «ninguén se puxo en contacto coa súa familia» fóra de membros do goberno local de Moaña que ofreceron toda a axuda que sexa necesaria ao seu irmán maior, Christofer González, de 34 anos.
Asegura que está a levar a situación con «serenidade» pero que na familia vívese unha auténtica traxedia. «En casa estano pasando bastante mal sobre todo o meu irmán, os meus avós e a miña tía», recoñece o fillo de Fernando, Nando como lle coñecían en Moaña, un mariñeiro experimentado que estaba a piques de xubilarse.