O Concello mergúllase na organización do evento, que terá lugar os días 6 e 7 de maio, co reto de conseguir o mesmo retorno económico que tivo a Festa do Mar
O goberno local mergullase na organización da X Festa do Viño de Vilaboa co reto de conseguir que o retorno económico sexa similar ao da Festa do Mar, celebrada a pasada fin de semana e que, segundo os cálculos da organización, sitúase en 60.000 euros. O evento de promoción dos produtos do mar tivo un efecto directo na actividade de cafeterías e restaurantes durante os dous días, efecto económico ao que hai que sumar a contratación de diferentes servizos para a celebración da festa e que o Concello fixo con empresas locais ou da contorna como a carpa, a seguridade, a música, a electricidade, os baños públicos e a ambulancia.
Con ese dobre obxetivo de promoción dos viños locais e dinamización do sector servizos de Vilaboa, o goberno local traballa xa nos preparativos para un evento que terá lugar os días 6 e 7 de maio debaixo do viaducto de Riomaior. Nesa explanada instalarase a carpa que acollerá os 10 stands de adegas da IXP do Morrazo e de colleiteiros locais que aproveitarán o evento para dar a coñecer a singularidade dos seus brancos.
Elisa Ruibal García «Casa da Boullosa»; Manuel Conde Conde; Manuel Collazo Fernández; Jesús Amoedo Leiro «Casa da Torre»; Manuel Rúa “Casa Quinteiro”; Martín Torres González “Casa Cañoteira”; Adega Ardán (Marín); Adega Mosteiro de Poio (Poio); «Adega Os Areeiros» e José Blanco Martínez «Quinteiro de Sabela» exporán os seus viños que poderán degustarse nunha copa editada polo Concello para esta ocasión e serigrafiada co logo da Festa e que poderá adquirirse ao prezo de 3 euros, retornables en caso de devolvela en perfectas condicións.
Postos de comida, e tamén de doces, acompañarán aos bos viños locais nunha programación que arrancará o sábado de 12 a 24 horas e o domingo de 12 a 17 horas e na que a promoción dos caldos estará arroupada por actividades culturais e unha potente proposta musical, co concerto de Milladoiro ás 22 horas do sábado e a actuación do o grupo de gaitas “Aires de Cobres” ás 12.30 horas do domingo.
Tanto o alcalde, César Poza, como a concelleira de Dinamización, Carmen Gallego, confían en que a Festa do Viño de Vilaboa acade o mesmo respaldo social que a Festa do Mar. “Trátase tamén dun sector produtivo importante para Vilaboa, que necesita poñer en valor a calidade do produto”.