Os bailaríns do Ballet de Galicia volverán competir no Youth America Grand Prix de danza, que se celebra en Tampa (Florida) e que é un dos maiores certames a nivel mundial nesta disciplina artística. A representación marinense desprazarase ata alí co apoio do Concello, que lles fixo entrega a cada un dos participantes dun cheque de apoio de 1.000 euros para axudar a sufragar os gastos da viaxe.
Foi nun acto aberto ao público no Salón de Plenos do Concello no que a alcaldesa, María Ramallo, desexoulles moita sorte á delegación marinense que viaxa ata as terras americanas, como verdadeiros embaixadores que son da nosa vila no panorama da danza internacional.
No acto proxectaronse vídeos nos que puderon verse as coreografías do grupo de bailaríns, composto por Camila Yoalí Altuve Fernández, Uxía Fernández Villegas, Noa Gil Reboredo, Lola Pazos Valdés, Ainhoa Souto Tilves, Iara Valle Miguez, Felipe Meijueiro González, Carmen Otero Couso e Iria Calvar Méndez.