Estado no que se atopa a habitación principal da vivenda.

As voluntarias de Colonias Canguesas lograron capturar a 21 pero terán que regresar mañá ao piso para recoller outros cinco ou seis ante a falta de transportines, as feridas e as dificultades para atrapalos polo estado da vivenda

Aos técnicos municipais do Concello de Cangas faltáronlle transportines hoxe para poder recoller todos os gatos que vivían xunto á inquilina nun pequeno estudo dun edificio de Rodeira, o Golet. Nunha primeira viaxe trasladaron a 21 felinos e aínda quedan no interior outros cinco ou seis. Volverán a por eles mañá. «Había gatos mesmo nos caixóns, dentro do sofá cama do salón…», explicaban as voluntarias que trataban de alcanzalos e que resultaron feridas nos brazos por arañazos. En total, 27 gatos, aínda que podería haber máis escondidos, son os que sacaron rumbo a un local municipal que non quixeron precisar. Será unha localización temporal mentres tratan de buscarlles un fogar definitivo. A septuaxenaria que convivía con eles tamén abandonou o piso tras a chegada da comisión xudicial a última hora da mañá. Dela e do seu can fíxose cargo a súa filla, que ás dúas da tarde acudía nun vehículo para recollelos.

Un desafiuzamento que destapa un drama coñecido en Cangas pero que pon fin á loita dos propietarios do inmoble e a unha convivencia veciñal imposible que se iniciou xa fai catro anos cando a inquilina comezou a recoller na vivenda felinos e animais sen control. Ademais desta trintena de gatos e dun can tamén houbo unha gaivota, que xa morreu, «e ata ratas», explicaba esta mañá o matrimonio dono do piso, quen lembraba o longo litixio que tiveron que soportar e pagar ata lograr recuperar o pequeno apartamento no que investiran os seus aforros. Alugárono fai seis anos pero pouco tempo despois xa comezaron a recibir queixas da comunidade de propietarios. Cando se cumpriron os cinco anos de contrato aos que estaban suxeitos comunicaron á alugada que tiña que abandonar a casa porque non estaban dispostos a renovarlle, pero non o conseguiron. O motivo non era a falta de pagamento da pequena cota mensual, apenas 275 euros, senón os problemas que estaba a xerar no edificio e na propia vivenda.

Case unha hora antes da chegada da comisión xudicial eles xa esperaban na esquina do edificio. Aínda que contentos porque pechaban unha batalla, non podían ocultar a súa preocupación por como se atoparían o seu pequeno pisito de praia, o mesmo que anos atrás gozaban coa familia. E, efectivamente, a iso das 13:00 horas lograban acceder á vivenda acompañados pola comisión xudicial, Policía Local e membros de Colonias Canguesas, que foron as encargadas de capturar aos animais para que os técnicos municipais puidesen transportalos na furgoneta ata un lugar apropiado que foi difícil de decidir e de atopar.

A propietaria revisando o estado da vivenda.
A septuaxenaria desafiuzada

Sucidade por todas as partes, mobles totalmente esnaquizados, cheiro nauseabundo que asolagaba mesmo a rúa e lixo acumulada por todos os recunchos. Isto é o que se atopou o matrimonio e toda a delegación que acudiu ao apartamento, cuxa entrada permitiulle a propia inquilina xa desde o portal principal. A pesar de que esperaba o desafiuzamento, a anciá baixou tranquila a tirar lixo, falou coa prensa e cando se dispoñía novamente a entrar no hall foi cando se atopou coa comisión xudicial. En todo momento colaborou coa situación, aínda que non puido ocultar a súa tristeza pola marcha dos animais. Preguntada porqué recollía tantos animais, contestou tallante: «porque teño corazón».

Gañada esta guerra, aos donos do piso queda por afrontar outra batalla. A de limpar e sanear toda a vivenda para que poida ser habitable. Non será tarefa fácil nin barata pero, polo menos, poden iniciala.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *