Os poetas Ismael Ramos, Lara Dopazo e Tamara Andrés e a xornalista Susana Pedreira serán as persoas que conformen o xurado. As bases xa están dispoñibles na web municipal
A poesía de Luísa Villalta e toda a súa creación poética servirán como luz que alumee a conmemoración do Día das Letras Galegas, unha data para a que se convoca o XXII Premio de Poesía do Concello de Marín, que foi presentado pola concelleira de Cultura, Marián Sanmartín, e pola directora da Biblioteca Municipal Vidal Pazos, María Engracia Vicente.
“Queremos darlle un impulso a este premio e motivar ás persoas apaixoadas da poesía a que se animen a participar”, explicou a concelleira, que quixo facer fincapé no “xurado de luxo” que se conformou para a convocatoria e que estará formado por catro persoas de enorme relevancia no mundo literario galego: os poetas Lara Dopazo, Tamara Andrés e Ismael Ramos e a xornalista Susana Pedreira.
O certame está aberto a todas as persoas de calquera nacionalidade, que sexan maiores de idade (18 anos), podendo presentar unicamente un traballo por persoa. Os traballos serán en lingua galega, orixinais e inéditos, de temática libre e cunha extensión mínima de 100 versos, que poderán formar parte dun só poema ou de varios.
O prazo para presentar manuscritos será ata o 3 de maio ás 14.00 horas, a través do sistema de plica, enviando os traballos ao Concello de Marín en dous sobres separados, coa obra firmada baixo seudónimo. O premio será único e indivisible e estará dotado coa contía de 1.000 euros.
O xurado dará a coñecer o fallo o 14 de maio, xa que a entrega do premio formará parte do acto institucional que se celebrará polo Día das Letras Galegas.