Os gañadores do concurso coa alcaldesa, Victoria Portas, e a concelleira de Cultura, Aurora Prieto.

A canguesa Sabela Martínez Soliño, de 13 anos, e a pontevedresa Leticia Sainza Figueroa son as gañadoras do 19º Certame de Cartas de Amor que organiza o Concello de Cangas. Recibironse preto dun centenar de misivas, moitas delas mostrando o seu amor aos avós, os pais, os amigos e tamén ás mascotas.

O salón de plenos do Concello cangués recibiu aos tres gañadores de cada unha das categorías, A e B, para agradecerlles o seu esforzo e premiarlles polo traballo.

CATEGORIA A:
1º PREMIO: SABELA MARTÍNEZ SOLIÑO
2º PREMIO: SABELA DACOSTA FANDIÑO
3º PREMIO: SANTIAGO PRIETO RODRIGUEZ

CATEGORÍA B:
1º PREMIO: LETICIA SAINZA FIGUEROA
2º PREMIO: ALBA COSTA CAMAÑO
3º PREMIO: BRAIS JUNCAL BLANCO

As cargas gañadoras de cada categoría:

CARTA GAÑADORA DA CATEGORÍA B

Meu amor,

As vinte e vinte é o que marcan as agullas do reloxo do salón, o seu tic tac méceme como fai o mar e as suas mareas coas gaivotas. Non deixo de cavilar en como non che dixen como te quería máis veces, pero ti meu amor xa sabes que a min cen mil parécenme poucas, ainda que sei que a ti sempre seríanche unha barbaridade. O certo é que nunca puxémosnos de acordó nisto, pero botábamos tempo decidindo quen ia a gañar o round para dar comezo a ronda de bicos. Sabes gustábame moito que gañases ti aínda que iso implicase que perderá eu. ¡E canto odio perder meu amor, xa o sabes!. Pero agora neste intre perdería todo o que teño e todo o que podería ter no futuro se ti estiveses aquí, o meu carón.

As agullas do reloxo botan unha peza de baile e neste momento debuxan sobre a sua improvisada pista as vinte e trinta, namentres eu sigo aquí sentada espallando palabras neste papel medio en branco e ollando pola xanela aberta de par en par con vistas o noso paraíso. O ceo encapotouse fai un anaco e coma se de un truco de maxia tratárase conseguiu que o azul tornase nun oscuro gris.

Choverá meu amor, choverá quizais tanto como aquel vinte de abril onde non atopaba nin abrazo nin lugar no planeta onde gorecerme. Xa chove amor e paréceme que rosmas na cociña por non topares o teu paraguas, xa sabemos o moito que che gustaban os días de choiva e canto disfrutabas mollándote. ¿Non sí? Sorrío pensando que se estiveses aquí diríasme iso de “odio a choiva tanto como amo a tua risa” e bicaríasme antes de preguntarme onde raios está o teu paraguas.

Ti rosmabas coa choiva, ti preferías as escaleiras o ascensor, ti querías pasear antes que ir o futbol, ti non eras de flores meu amor, pero sempre mercabas algunhas coas que sorprenderme cando tristura visitabame nalgunha ocasión. Ti eras de café sen azucre e ante o meu “ que noxo” contraatacabas cun “ teño azucre de abondo contigo aquí”. Ti de reconto antes de moverte de aquí para alá. Ti lume eu vento. Ti Marte eu Venus. Tí paixón eu tenrura. Ti o meu guerreiro mantendo a calma cando eu perdo a cordura.

As agullas do reloxo botan esta vez unha peza ben agarradas e marcan as vinte corenta. Deixou de chover, pero o vento zoa forte batendo a ritmo contra o cristal da ventá coma se quixese levar o compás da música que sae do tacadiscos que encendín para traerte xunto a mín, meu amor. Soa esa canción a dos bailes, a canción que segue sendo nosa ainda que agora a escoite soa. Quérote, endexamais esquezas canto te quero, meu amor.

Sabela Martínez Soliño

CARTA GAÑADORA DA CATEGORÍA A

Para ti:

Hai máis dun ano que non sei nada de ti, nin sequera sei se me recordas. Se les isto, quero que saibas que eu non te olvidei, nin creo que algún día poda chagar a olvidarte. Só me quedan recordos, eses que tanto gardo na miña memoria e no meu corazón para que nunca se perdan nin os esqueza. Eras unha persoa moi especial. Ti, en tan só nove meses marcaches unha liña dentro de min que, ainda hoxe despois de tanto tempo, non se consegue borrar.

Desde o día que te coñecín, algo dentro de min cambiou. Comencei a falar contigo e nunca deixei de facelo. Sempre tiñamos algo que contarnos. Fomos desas persoas que se coñeceron por casualidade nun mal momento, pero que xuntas loitaron contra todas as barreiras e dificultades que a vida lles puxo por diante. Eramos inseparables.

Facíamos calquera cousa para poder vernos un anaquiño máis, e iso, por unha extraña e bonita razón, uníanos.

Fuches das poucas persoas que me fixo sentir escoitada, comprendida e querida en calquera momento, en calquera lugar, en calquera vida…

Sen dúbida algunha, cando estaba contigo era a persoa máis feliz do mundo enteiro. E agora que non estás sinto un vacío inmenso que, só ti, se volves, serás capaz de enchelo de novo.

Non te esquezas que sempre te levarei dentro do meu corazón.

Leticia Sainza Figueroa

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *