Ambiente na Festa do Viño e do Mar de Vilaboa.

Viticultores e colleiteiros presentan, por separado, as súas mellores producións

A segunda xornada da XIII Festa do Viño de Vilaboa avanza cunha alta participación e cun ambiente marcado pola igualdade nas preferencias do público, que está a desfrutar de maneira moi equilibrada das propostas das adegas participantes. Mentres as casetas de degustación e os postos gastronómicos manteñen un fluxo constante de visitantes, o recinto baixo o viaduto de Riomaior acolle tamén unha destacada mostra cultural e artesá que complementa a oferta enogastronómica.

O xurado profesional, composto por Gonzalo Recuna, José Dopazo, Javier Castro, Cristina Carrera, Estrella Fernández e José Maquieira, e coordinado polo presidente do Xurado da Cata, José Manuel Fernández Castro, do Servizo de Industrias, Calidade e Cadea Agroalimentaria da Consellería de Medio Rural —a quen o Concello de Vilaboa agradece a súa colaboración continuada—, é o encargado de escoller os mellores viños que concorren ao certame deste ano.

Os resultados, que se farán públicos mañá domingo durante a entrega de premios, sairán dos tres brancos e dous tintos presentados ao concurso pola Adega Os Areeiros, Adega Ardán e Bodegas Costas de Exportación, pertencentes á IXP Ribeiras do Morrazo. Na categoría de colleiteiros, outorgaranse primeiro, segundo e terceiro premio tanto para brancos como para tintos, entre as elaboracións de Casa Cañoteira (Martín Torres), Casa Boullosa (Elisa Ruibal), Furancho Antonio, Manuel Collazo Fernández e Roberto da Lufiña.

A actividade cultural tamén tivo un papel destacado nesta segunda xornada. As palilleiras de Figueirido volveron captar a atención do público coa súa mestría: palillos, fíos, agullas, mundillos e moita paciencia que converten o seu espazo nun punto de encontro para quen se achega a coñecer o seu traballo. Xunto a elas participan Laura Filgueira (ERRE3), Carmen Castro (Cachiboreta) e Obradoiro Hedra, completando un apartado artesán que suma valor á festa.

A música tamén tivo o seu protagonismo coa animada sesión vermú da Mekánica Rolling Band, que contribuíu a manter o ambiente festivo durante toda a mañá.

A xornada do domingo

A última xornada da XIII Festa do Viño de Vilaboa abrirá ás 11:00 horas co inicio da actividade nas casetas, que volverán converter o recinto nun punto de encontro para veciñanza e visitantes. A mañá estará marcada polo ambiente familiar, cun espazo infantil que ofrecerá inchables e un taller de maquillaxe entre as 12:00 e as 15:00 horas, favorecendo que as familias poidan gozar da festa con comodidade.

O momento institucional chegará ás 12:30 horas coa entrega dos diplomas das catas e coas intervencións das autoridades, un acto no que se darán a coñecer os viños premiados tanto na categoría da IXP Ribeiras do Morrazo como na de colleiteiros. Será un dos momentos máis agardados desta edición, no que se recoñecerá o traballo das adegas e produtores locais.

Ás 13:00 horas terá lugar o pregón, que nesta ocasión correrá a cargo de Sobria e Serena, antesala dunha nova sesión vermú que, a partir das 13:30 horas, estará amenizada por Mallou, encargados de poñer o ritmo musical ao mediodía. O peche das casetas está previsto para as 17:00 horas, poñendo fin a unha edición que volveu consolidar a Vilaboa como referente enogastronómico e cultural da comarca.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *