Javier Carro, líder de XM.

O concelleiro e líder de Coalición Independiente por Moaña (XM), Javier Carro, di que o concelleiro de Mobilidade, Rodrigo Currás, «mente» sobre o ocorrido na reunión do pasado 15 de maio na Biblioteca Municipal para continuar avanzando no proxecto de conexión da Moaña baixa coa alta e a restrición ao tráfico dun tramo da rúa Ramón Cabanillas. Por isto, pídelle que dimita. «Este señor mente dunha forma despectiva nas súas afirmacións sobre o devandito pola presidenta da Asociación de Veciños da Bouza-Quintela, María José Acuña Collazo», asegura Carro, en relación ás declaracións de Currás nas que asegurou que a directiva veciñal priorizou aos vehículos, privados ou de transporte público, sobre as persoas.

«Nunca, nunca dixo que a prioridade debe ser dos vehículos senón que se fixese un estudo sobre o impacto que terían sobre os barrios de Quintela, Berducedo, O Real e Concepción Arenal os cambios en Ramon Cabanillas ao acoutalo ao trafico e que o que realmente se necesitaba era un Transporte Publico efectivo para comunicar todo Moaña para non usar o transporte privado», defende o portavoz de XM.

En canto ao aparcamento situado detrás da Biblioteca Municipal, Carro aclara que o que se dixo foi «que se non había alternativa a facerlles outro polos arredores, non querían a obra ao tratarse dunha zona onde non hai estacionamento suficiente para todos os veciños». Todos estos acordos, di, foron tomados por «unanimidade» dos asistentes «entre os cales me atopaba eu persoalmente».

¿Erros técnicos?

O edil independente tamén considera que «ao arquitecto do anteproxecto non lle contaron a verdade e ocultáronlla á mantenta» e, ademais, está convencido de que neste proxecto o técnico «cometeu demasiados erros ao dicir que non comprendía como unha asociación pode estar en contra dunha humanización como esta e largando, entre comiñas, certas ameazas con dobre rapadoira». «O que non pode facer ningún técnico é facer unha obra sen permiso ou acordos dos donos do terreo a quen pertence, é algo inaudito e inverosímil e non teño unha palabra para definir semellante anomalía», acusa Carro.

Para o líder de XM, os veciños decatáronse «tarde e mal» e «queren que lles cedan os seus terreos gratuitamente, a pesar de que quedarían para sempre afectados por esa obra que non soluciona nada a mobilidade para persoas con pequenas discapacidades».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *