Tardou pero finalmente xa é unha realidade. Cangas termina o ano cun novo camión contra incendios, o que permitirá xubilar o anterior tras máis de dúas décadas de uso. Este mediodía presentouse en sociedade aos pés do Concello de Cangas ante unha gran expectación. O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, trasladouse a Cangas para participar no acto e resaltou o «incremento de prestacións» que supón este novo vehículo respecto ao anterior ao ser «moito máis moderno». «Isto o que fai é estar eventualmente con moitos máis recursos ante unha emerxencia e poder atender mellor aos veciños», explicou Calvo. O seu departamento pagou 55.600 euros dos 167.000 euros que custa o camión. O resto, 111.400 euros, finánciaos o Concello con fondos propios e a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
A alcaldesa, Victoria Portas, tamén incidiu na calidade que vai achegar este novo camión ao servizo que presta Protección Civil e o Grupo de Emerxencias de Cangas, un dos máis numerosos da zona. «O antigo coidouse moito para que durase tanto pero xa lle toca descanso», manifestou a rexedora, que puxo o acento no importante esforzo económico que supón dotar a Cangas deste camión. Ademais, o responsable de Protección Civil, Cesáreo Coya, explicou que, aínda que este vehículo está deseñado para zonas urbanas haberá ocasións en que tamén poida utilizarse para actuacións de ámbito forestal no rural, dependendo da orografía do terreo. En canto ás súas dimensións, hai rúas do casco vello nas que non poderá entrar pero, grazas á instalación de bocas de rega cada certos metros, permite que aínda que non chegue ao lugar exacto do incidente si poida dar servizo desde as inmediacións.
Entre outras características, o camión dispón de equipamento de radio e dunha superestrutura especialmente deseñada para a loita contra o lume. Conta cunha cisterna con capacidade para entre 1.000 e 1.200 litros e dúas bocas de enchido, cunha bomba hidráulica específica contra incendios capaz de proporcionar unha presión de ata 25 bares, e cun carrete de pronto socorro conectado á bomba e con mangueira de 40 metros.
A Agrupación de Voluntarios e Voluntarias de Protección Civil de Cangas, composta por máis de 30 efectivos, recibiu nos últimos anos da man da Xuntade Galicia 136.000 euros, dos que máis de 96.500 foron para equipamentos, como unha embarcación, un pick up, distintos remolques ou terminais con GPS, e outros 39.400 euros para funcionamento.
No acto de presentación, no que tamén participou o director xeral de Emerxencias e
Interior, Santiago Villanueva, e estiveron presentes concelleiros de grupo municipal popular, ademais dos alumnos do obradoiro de emprego de Galicia.