Os traballos céntranse esta semana na dársena de autobuses para seguir despois no interior, obrigando a delimitar a zona e o propio edificio de forma provisional
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que en xullo os veciños de Cangas disporán dunha estación de autobuses renovada e dunha área intermodal modernizada tras un investimento da Xunta de 400.000 euros. Vázquez Mourelle, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, supervisou os traballos iniciados a mediados de marzo. Destacou que se trata dunha gran área de transporte público conformada pola estación de autobuses, pola que pasan cada ano case 77.000 viaxeiros e acolle case 40.000 expedicións, e a estación marítima, que o pasado ano deu servizo a case 700.000 usuarios.
Segundo apuntou a conselleira, as obras que se están a acometer buscan poñer en valor este edificio singular, mantendo a súa estética orixinal, elemento identitario de Cangas. Con esta intervención, engadiu, potenciarase o carácter intermodal da terminal de autobuses, aproveitando a súa situación a carón da estación marítima, mellorando a funcionalidade, incrementando as condicións de seguridade na contorna, facilitando a accesibilidade e apostando pola eficiencia enerxética.
Ethel Vázquez explicou que as obras, que contan cun prazo de execución de 4 meses, avanzaron lentamente ata o momento, ao verse afectadas polo paro do transporte. Ata agora os traballos centráronse en labores iniciais, tanto na zona de dársena como no interior do edificio.
Esta semana comezaron as tarefas de demolición, retirando, primeiro os elementos da dársena de autobuses para continuar cos labores interiores do edificio. Estes traballos, tal e como indicou Ethel Vázquez, obrigan a delimitar provisionalmente a entrada de peóns e dos autobuses e a pechar o edificio. A conselleira adiantou que a próxima semana seguirase coa demolición e avanzarase nas instalacións de electricidade, climatización e ventilación. Pasada a Semana Santa, iniciarase a limpeza e decapado dos elementos metálicos exteriores e os traballos na cuberta. Na última semana de abril prevese que as obras collan ritmo, iniciando a execución de particións e cerramentos, portas de paso, revestimentos, falsos teitos e chapas de remate de fachada.
Deste xeito, tal e como salientou a conselleira, esta actuación integral e ambiciosa para potenciar o carácter intermodal destas dúas terminais marítima e de autobús estará lista para a época estival, cando a vila de Cangas se enche de visitantes e turistas. Ao tempo, o departamento que dirixe xa ten resolto e adxudicado o contrato de explotación da estación para os vindeiros 5 anos, de forma conxunta coas estacións de autobuses de Cambados, Ponteareas e Vigo.
As obras
A titular de Infraestruturas e Mobilidade precisou que mediante estas obras actúase no propio edificio: impermeabilizando a cuberta; con traballos de pintura interior e exterior; coa redistribución dos espazos; e a mellora da iluminación led. Tamén se colocarán portas automáticas, sistemas de climatización e ventilación, e un panel informativo dixital que mostre os horarios dos buses e dos barcos.
Na zona de dársenas intervirase dándolle un tratamento anticorrosivo á cuberta e colocando novos paneis. Na zona de espera dos viaxeiros disporanse bancos para o repouso, mampara de vidro e tamén iluminación led, de menor consumo.
En canto á funcionalidade e unha mellor accesibilidade habilitaranse 2 prazas de ‘kiss & ride’; un acceso peonil principal á dársena desde o paseo marítimo; e colocarase pavimento podotáctil para facilitar o tránsito das persoas con dificultades de visión.
Ademais, para garantir o funcionamento da estación e a seguridade a parcela delimitarase con varanda perimetral e colocaranse barreiras automáticas para protexer a peóns e condutores da circulación dos buses. A mellora da estación de autobuses de Cangas é susceptible de ser financiada no marco do eixe REACT-UE do programa FEDER Galicia 2014-2020, como resposta á pandemia. Mellora dos servizos e infraestruturas de transporte público Ethel Vázquez enmarcou esta actuación na aposta da Xunta por mellorar os servizos e as infraestruturas do transporte público, liña de traballo intensificada nos últimos anos cunha aposta sen precedentes polo transporte público en autobús, que supuxo a renovación de máis de 3.400 liñas en toda Galicia, para ofrecer máis servizos e mellor adaptados ás necesidades da xente.
Incidiu tamén na medida social pioneira en España, a tarxeta Xente Nova, que supón transporte público da Xunta gratis para os menores de 21 anos; e na que xa 2.754 mozos de Cangas viaxan de balde nos buses e nos barcos do transporte de ría coa tarxeta Xente Nova, coa que no que vai de ano xa realizaron máis de 23.000 viaxes gratuítas
Tamén referiu ao traballo da Xunta para dar un salto adiante no fomento do transporte público, co impulso de infraestruturas que favorecen a intermodalidade, non só nas grandes cidades como Vigo e Pontevedra, onde se están a ultimar as estacións intermodais, senón tamén en vilas como Cangas, nas que destaca o uso do transporte público combinando, neste caso, o barco e o autobús.