Os organizadores da Freguifestas da Banda do Río na presentación.

O programa, que se celebrará do 17 ao 19 de setembro entre o Estaleiro e a pista da Banda do Río, recolle actuacións musicais, actividades para a cativada, exposición fotográfica ou degustación de sidra

O Concello de Bueu e a Comisión de Festas da Banda do Río organizan as festas da Banda do Río, que se celebrarán do 17 ao 19 de setembro, cun programa para todos os públicos e no que se respectarán todos os protocolos Covid-19. Precisamente, este luns tivo lugar a rolda de prensa de presentación na que estiveron Julio Villanueva, alcalde en funcións, Xosé Leal, concelleiro de cultura, Celso Dopazo e Enrique Gil, representantes da Comisión de Festas da Banda do Río, e Salvador Santos, fotógrafo afeccionado e un dos autores da mostra “Esenciais”.

Tal e como salientou Xosé Leal, edil de cultura, “trátase dun evento no que haberá música, obradoiros para a cativada, exposición de fotos e degustación de sidra; e co que poñeremos o broche final ás festas de verán”. Pola súa banda, Celso Dopazo, da Comisión de Festas da Banda do Río, destacou que “este ano contamos coa colaboración do Concello para levar a cabo unha festa en formato máis reducido, aínda que xa estamos traballando na programación da próxima”.

O programa iniciarase o venres coa música rockeira de Monolious DOP, da que se poderá gozar a partir das 21.30 horas na pista da Banda do Río. Esta actuación, que tivo que ser adiada do Espazo Convida 2021, retómase agora para inaugurar un evento que se insire no programa de freguifestas que o goberno local puxo en marcha hai tres anos e co que pretende apostar polo mantemento das tradicións.

O sábado, os monicreques de “Circo Galaico” deleitarán ás 12 horas á cativada e ás persoas maiores cun espectáculo orixinal inserido no programa Falaredes da Xunta de Galicia, e co que se pretende poñer en valor o noso patrimonio inmaterial musical, potenciar a lingua como vehículo do arte e da cultura, favorecendo o seu uso a través dunha proposta interactiva e participativa con xogos e adiviñanzas. Pola tarde, a cativada tamén poderá gozar dun obradoiro de debuxo con Marc Taeger no Estaleiro da Banda do Río, e xa pola noite, actuará o Grupo América de Vigo.

O domingo ás 11.30 h, ofrecerase na pista da Banda do Río unha degustación de sidra tradicional, tal e como vén sendo habitual nos festexos de Santa Ifixenia, e para a que se contará cunha ruada a cargo da Banda de Música Artística de Bueu.

Segundo avanzan dende a Comisión, “repartiranse 600 litros de sidra gratuitamente”, co obxectivo de seguir dando a coñecer este produto de elaboración tradicional nun evento que se celebra dende hai máis de setenta e cinco anos. A continuación terán lugar os oficios relixiosos no Pazo de Santa Cruz, e pola tarde, a Banda de Música ofrecerá un concerto no Estaleiro. A festa rematará pola noite coa verbena amenizada por La Oca Band.

Ademais, a partir deste venres poderase visitar a exposición “Esenciais” no Estaleiro, que recolle dezaoito fotos da autoría de Salvador Santos e José Luis Alonso, nas que se reflicten persoas que durante a Covid estiveron realizando traballos esenciais. A mostra, que se inaugurará o venres ás 20.00 h, estará dispoñible ata o 3 de outubro en horario de 11.00 a 13.00 e de 17.00 a 20.00 horas. Segundo avanzou o fotógrafo Salvador Santos, “con cada foto acompañaremos unha frase das persoas retratadas”. Este evento tamén conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia.

Protocolos Covid, retirada de convites e plan de tráfico

O Concello de Bueu establecerá todas as medidas para o cumprimento dos protocolos da Covid-19, como o aforo limitado e controlado, o mantemento da distancia interpersoal e a máscara obrigatoria. Ademais, para a asistencia ás actuacións musicais, as persoas deberán retirar os convites (ata un máximo de dous por persoa) na Oficina de Turismo de forma presencial a partir deste martes ás 10.00 h da mañá, ou na web www.enterticket.es dende o xoves.

Así mesmo, debido a que os eventos terán lugar entre a pista da Banda do Río e o Estaleiro, o Concello cortará a rúa ao tráfico a partir das 12.00 h do mediodía durante a fin de semana. Con isto garantirase a seguridade durante a celebración das actividades, ademais de cumprir coas medidas da Covid-19.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *