Concentración hoxe en Bueu polo 8M.

Integrantes da Asociación para Persoas con Discapacidade Juan XXIII de Cangas leron un manifesto animando a “alzar a voz polos dereitos das mulleres con discapacidade”

A Praza do Concello de Bueu acolleu este martes, 8 de marzo, a concentración feminista organizada polo Concello de Bueu con motivo do Día Internacional das Mulleres. O acto tivo lugar ás 12 horas e nel Ana Isabel Otero, concelleira de Igualdade e Benestar Social, foi a encargada de dar lectura á declaración institucional apoiada pola corporación municipal.

Este texto, que fai fincapé na necesidade de loitar pola igualdade efectiva e real entre mulleres e homes, alerta da necesidade de ofrecer unha resposta coordinada que integre a perspectiva de xénero como fío condutor no deseño de solucións que contribúan a diminuír a crise económica e social que prexudica claramente ás mulleres. Así mesmo, denuncia a preocupación polo aumento da fenda de xénero por mor da destrución e altas taxas de emprego temporal nas mulleres, e incide na urxencia de que se destinen máis recursos xudiciais, asistenciais, económicos e de protección para tentar erradicar as desigualdades. Nesta concentración participaron o alcalde e diversos concelleiros e concelleiras da corporación bueuesa, así como alumnado de colexios da vila e cidadanía en xeral.

A continuación, un grupo de mulleres integrantes da Asociación para Persoas con Discapacidade Juan XXIII de Cangas deu lectura a un manifesto no que apelaron á necesidade de “alzar a voz polos dereitos das mulleres con discapacidade”, para que dispoñan de máis emprego e traballos dignos, se garanta o acceso aos servizos de saúde sexual e reprodutiva, e se cumpra co Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *