A Xunta investirá 265.000 euros nesta mellora da seguridade viaria en Bueu
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de someter a información pública o proxecto de construción dunha beirarrúa na estrada autonómica PO-315 ao seu paso pola parroquia de Beluso, en Bueu. O prazo de consulta será de trinta días hábiles a partires de mañá, 10 de marzo.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou este novo avance administrativo para a posterior actuación de reforzo da seguridade viaria nunha visita ao treito comprendido entre os lugares da Achadiza e A Costa de Figueirón xunto ao alcalde de Bueu, Félix Juncal, outros representantes municipais e membros da Axencia Galega de Infraestruturas.
O proxecto, que conta cun orzamento estimado de 265.000 euros, prevé a construción dunha beirarrúa de formigón cunha anchura mínima de dous metros pola marxe esquerda desta estrada nun treito duns 600 metros de lonxitude entre os puntos quilométricos 2+150 e 2+750. Así mesmo, está previsto que, en ambos os laterais da vía, se executen as correspondentes reservas de plataforma adaptadas á parada de autobús á altura do punto 2+500.
Esta obra tamén incluirá outras actuacións complementarias, como a adecuación e modernización dos servizos existentes neste tramo e a renovación da capa de rodadura naquelas zonas da calzada que teñan o firme deteriorado. Paralelamente, tamén se aproveitarán estes traballos para proceder á estabilización do noiro de desmonte nunha curva de 80 metros de lonxitude, emprazada entre os puntos quilométricos 2+580 e 2+660, xa que ten unha inclinación de entre 60 e 0 grados e sofre desprendementos superficiais ocasionais que se pretenden corrixir de xeito definitivo. Así, acometerase a escavación necesaria para reducir a pendente.
Esta nova actuación no Concello de Bueu, que precisará de expropiación de terreos de case 1.000 m² cun custo estimado de algo máis de 16.000 euros, dá continuidade aos proxectos de reforzo da seguridade viaria e de acondicionamento de espazos peonís impulsados pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade neste municipio do Morrazo.
Cómpre lembrar que xa se rematou a construción dunha senda peonil e ciclista de 1.835 metros de lonxitude no tramo entre Trasouto e o Alto da Portela na estrada PO-551, cun investimento de 645.000 euros.