Aurora Prieto, concelleira de Cultura de Cangas.

Con xesto serio, a xa exconcelleira de Cultura, Turismo e Servizos de Cangas, Aurora Prieto, compareceu ante os medios de comunicación só unhas horas despois de presentar oficialmente a súa dimisión polas discrepancias coa alcaldesa, Victoria Portas. «Renuncio a formar parte dun equipo que non é tal, dun goberno que non goberna e dun proxecto que morreu o mesmo día que, por desgraza, perdemos ao alcalde Xosé Manuel Pazos Varela», manifestou en lectura a un escrito no que, ademais de denunciar inxerencias nas súas áreas, recollíanse as principais ideas que quería transmitir na súa primeira comparecencia no salón de plenos tras deixar de ser membro do goberno. «E co apoio dos electores, dos traballadores municipais, de tantos e tantos veciños. Sen todos eles non podería ter aguantado estes últimos meses», continuou, asegurando que o detonante desta decisión produciuse hai un mes co incidente que ocorrido tras a Mesa de Turismo no que a rexedora, segundo a representante de EU, bloqueouna por Wasap.

Cualificou a situación do executivo local de «gravísima» pola falta de diñeiro para atender as demandas dos veciños e acusou os seus tres ex compañeiros de realizarlle «obstrucións constantes». «Tentei palialo, con todas as miñas forzas e todo o empeño posible con traballo diario» pero «a miña saúde dixo basta», recoñeceu Prieto.

«Ánimo» de seguir en política

Prieto deixa o goberno pero non a acta de edil, polo que a partir de agora continuará como concelleira da corporación por EU na oposición. Tamén deixou de pertencer a ACE, onde xa presentou tamén a súa renuncia por escrito. Iso si, asegura que ten «ánimo» de seguir en política e non descarta ser candidata á Alcaldía de Cangas nas próximas eleccións. Non confirma se por EU ou por algunha coalición con outras siglas. «Non descarto nada», apostilou.

Na bancada do público acompañábanlle familiares próximos, unha traballadora do Concello e ao final da comparecencia uniuse o portavoz do PSdeG, Eugenio González.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *