Victoria Portas entrando ao seu despacho.

Enmarcan a súa demisión como «o capítulo final dunha estratexia de degaste a Victoria Portas iniciada por Esquerda Unida desde o seu nomeamento»

Tras ter coñecemento a través dos medios de comunicación da decisión de Aurora Prieto de demitir das súas responsabilidades no goberno local de Cangas, a alcaldesa e os dous concelleiros que compoñen o executivo local, emitiu un comunicado ao fío das tres da tardiña. Aseguran que en base aos argumentos que ela fixo públicos, o goberno local «quere matizar que Aurora Prieto comportouse como concelleira da oposición desde o primeiro minuto do nomeamento de Victoria Portas como alcaldesa de Cangas».

«Como ela mesma recoñeceu durante a súa comparecencia pública, as discrepancias xurden tralo falecemento do anterior alcalde ao non asumir nunca o acordo alcanzado entre as forzas que integraban o goberno de coalición para a designación como alcaldesa de Victoria Portas. Comeza entón unha estratexia política marcada por Esquerda Unida que consistiu en facilitar argumentos á oposición para desgastar a figura da alcaldesa», explican dende o goberno local e consideran que «hoxe escenificou o capítulo final dunha serie que conclúe cinco meses antes das eleccións cun esclarecedor cartel de alianzas”.

Aseguran que neste proceso Aurora Prieto, asesorada nalgúns momentos por outros membros da oposición, «recurriu a un feixe de argumentos infantís para culpabilizar á alcaldesa da inacción das súas áreas nunha manobra na que o prioritario era para ela o desgaste á alcaldesa, por riba da resolución de situacións que beneficiasen aos cidadáns». Un exemplo deste xeito de actuar «é que culpe á alcaldesa da non aprobación do orzamento para este ano a pesar de que foron os grupos da oposición co seu voto en contra para limitar a capacidade inversora do goberno quenes tumbaron esa posibilidade».

Mensaxe de tranquilidade

Por outra banda, o goberno local lanza unha mensaxe «tranquilizadora» á cidadanía. A nivel de traballo interno as áreas de Aurora Prieto serán redistribuídas e a súa ausencia apenas será perceptible xa que «a edil hai tempo xa que decidiu non acudir ás xuntas de goberno e as súas áreas non lucen resultados da dedicación e traballo que corresponden a unha concelleira con dedicación».

O goberno local asume desde agora a resolución de cuestións atrancadas correspondentes ás áreas de Aurora Priero como son o contrato das podas, a situación dos parques infantís en peor estado, a resposta á Valedora do Pobo sobre o tema das bandeiras azuis, a resposta a determinados grupos sobre petición de información, etc. “Todas cuestións pendentes de que Aurora Prieto lles dera resposta”, concluen.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *