Iniciáronse os labores de limpeza e recolocarase a area que basculou polo efecto do inverno e das mareas. Os traballadores de Juan XXIII tamén iniciaron o desbroce de todo o Viario de Praias
Achégase a Semana Santa e por iso desde o Concello de Marín inician a posta a punto do maior atractivo que ten a nosa vila para os visitantes e turistas: o noso litoral. Estes días estanse levando a cabo os labores de limpeza nas praias, para retirar maleza e outros obxectos que se veñen arrastrando aos areais polas mareas e os temporais.
Tamén se acondicionarán as baixadas ás praias de Portocelo e Mogor para facelas máis accesibles, debido a que os efectos das mareas e do inverno provocaron movemento de area, o que crea socavóns nestes accesos.
Por outra banda, a concelleira de Turismo, Cristina Acuña, tamén informou de que xa se iniciaron os traballos de desbroce do Vial de Praias por parte dos traballadores de Juan XXIII.
Balizamento
Por outro lado, este ano o Concello decidiu contratar o servizo de balizamento tamén para a época de Semana Santa, xa que, se as condicións climatolóxicas acompañan, son moitos os que aproveitan para darse o primeiro baño do ano “e queremos que o poidan facer todos aqueles que queiran con seguridade”, declarou a concelleira.
En total, investiranse cerca de 10.000 euros en dotar a Portocelo, Mogor e Aguete deste servizo.