O alcalde, César Poza, e a concelleira de Promoción Económica, Carmen Gallego, presentando as Festas do Mar e do Viño de Vilaboa.

Exhibirán o seu traballo os días 6 e 7 de maio na carpa que se instalará debaixo do viaducto de Riomaior para promocionar a degustación dos caldos locais

As palilleiras de Figueirido, auténticas artesanas do século XXI, estarán esta fin de semana na carpa que se instalará en Riomaior para acoller a X Festa do Viño. Palillos, fíos, agullas, mundillos, moita destreza, creatividade, paciencia e concentración facilitarán que estas mulleres de Vilaboa capten co seu bo facer a atención de quen se achegue ao recinto da festa para degustar os caldos da IXP do Morrazo e dos adegueiros locais.

As palilleiras farán tamén unha exposición dos seus traballos no stand da carpa que complementará a presenza en Riomaior dos artesáns locais. As casetas adquiridas polo Concello a finais do 2021 con motivo do primeiro Mercadiño de Nadal volverán acoller a Laura Filgueira con ERRE3; Carmen Castro con Cachiboreta e Alcrique cos seus produtos artesáns.

O goberno local complementa así, cun escaparate da artesanía local, o programa da X Festa do Viño de Vilaboa que terá lugar os días 6 e 7 de maio debaixo do viaduto de Riomaior. Nesa explanada instalarase a carpa que acollerá os 10 stands de adegas da IXP do Morrazo e de colleiteiros locais que aproveitarán o evento para dar a coñecer a singularidade dos seus brancos. Elisa Ruibal García «Casa da Boullosa»; Manuel Conde Conde; Manuel Collazo
Fernández; Jesús Amoedo Leiro «Casa da Torre»; Manuel Rúa “Casa Quinteiro”; Martín Torres González “Casa Cañoteira”; Adega Ardán (Marín); Adega Mosteiro de Poio (Poio); «Adega Os Areeiros» e José Blanco Martínez «Quinteiro de Sabela» exporán os seus viños que poderán degustarse nunha copa editada polo Concello para esta ocasión e serigrafiada co logo da Festa e que poderá adquirirse ao prezo de 3 euros, retornables en caso de devolvela en perfectas condicións.

Postos de comida, e tamén de doces, acompañarán aos bos viños locais nunha programación que arrancará o sábado de 12 a 24 horas e o domingo de 12 a 17 horas e na que a promoción dos caldos estará arroupada por actividades culturais e unha potente proposta musical, co concerto de Milladoiro ás 22 horas do sábado e a actuación do o grupo de gaitas “Aires de Cobres” ás 12.30 horas do domingo. Tanto o alcalde, César Poza, como a concelleira de Dinamización, Carmen Gallego, confían en que a Festa do Viño de Vilaboa acade o mesmo respaldo social que a Festa do Mar.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *