Os colectivos co concelleiro na praza de Massó presentando o programa.

O Concello de Bueu, coa colaboración de diversos colectivos culturais e veciñais da vila, organiza durante este mes de maio unha gran variedade de eventos que se unen baixo o paraugas de ‘Letras Galegas e Colectivas’, a través das que se pretende revitalizar o uso da lingua galega en todos os ámbitos e reivindicar o importante labor do tecido asociativo. Cinema, música, contacontos ou recitais poéticos serán algunhas das actividades que levarán as Letras Galegas a diversos lugares, como Beluso, Sanamedio, Cela ou Meiro. Xosé Leal, concelleiro de cultura, participou este luns na rolda de prensa de presentación da programación canda a persoas representantes dos colectivos, como o Cineclub Bueu, a Asociación Cultural Novos Ventos, a Asociación Cultural Sanamedio, a Asociación Cultural Costumes de Cela e a Asociación Veciñal A Morada de Meiro.

A eses actos hai que engadir a gala dos Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo, que se desenvolverá o 22 de maio ás 12 horas no Centro Social do Mar. Co acompañamento da música de Sheila Patricia, o Concello de Bueu entregará os premios a Miguel Sande, gañador este ano na categoría de poesía coa obra Brinde e desespero, e a Antía Yáñez, que se fixo co galardón na categoría de xornalismo coa crónica “A saúde mental en Galicia, en bragas”.

Ciclo de Cinema Galego

O Cineclub Bueu, como xa vén sendo habitual, organiza todos os venres deste mes unha serie de proxeccións de cinema galego, que se poderán ver ás 21 horas no Centro Social do Mar. O ciclo comezou o pasado venres co filme – documental “Negro Púrpura” de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva; e continuará o 13 de maio con “Manoliño Nguema” de Antonio Grunfeld; o 20 de maio será a quenda de “Virxe roxa” de Marcos Nine, e xa para rematar, “Eles transportan a morte” de Helena Girón e Samuel M. Delgado.

Nestas proxeccións, que teñen un custe de 2 euros para soci@s e de 4 euros para non soci@s, contarase con diversos representantes dos equipos directivos e de rodaxe.

Na parroquia de Beluso

A Asociación Cultural Novos Ventos, coa colaboración do Concello de Bueu e da Deputación de Pontevedra, programará na Casa do Pobo da parroquia diversos eventos tanto para a cativada como para o público adulto. O 14 de maio ás 17 horas, terá lugar unha sesión de contacontos para os nenos e nenas, coa obra O ladrón de paraugas a cargo de Bandullo Azul. Trátase da adaptación dun libro homónimo, recén estreado e escrito por Xosé Lueiro (filólogo pola USC, normalizador lingüístico e músico), que convida á reflexión sobre a fraternidade entre culturas a través dunha bonita historia protagonizada polo gato Fazulas. A continuación desenvolverase a presentación e sinatura dos libros de partituras Pezas guapas para gaita, zanfona e acordeón Xosé Manuel Fernández «Muxicas», e o monólogo “A filla do Juevo” a cargo de Antía Costas.

O domingo, a partir das 17 horas, desenvolverase un obradoiro de iniciación ao baile tradicional no Parque Joe Novas, seguido cun concerto de acordeireta no salón de actos da Casa do Pobo.

O mesmo día das Letras Galegas, o 17 de maio, celebrarase a XXI Romaría das Letras, promovida pola Asociación Cultural de Sanamedio, e que encherá o Adro de Sanamedio de múltiples actividades reivindicativas e de lecer. A xornada iniciarase ás 12 horas do mediodía cun acto no que participarán o alumnado e o profesorado do CEIP Plurilingüe Montemogos de Beluso e que tamén constará dunha exposición arredor da revista ‘O fiadeiro’. Despois haberá un recital poético con micro aberto, e unha actuación de música e baile tradicional con Pais de San Roque e Os Liboreiros. Ao longo de todo o día, no recinto colocarase unha cantina por parte do Bueu Atlético Balonmán, na que haberá bebidas, petiscos e bocadillos para quen non queira levar comida da casa.

Pola tarde proxectarase o documental ‘Xela Arias. Poeta nas marxes’ dirixido por Beatriz Pereira; e tamén se poderá gozar de xogos populares, ademais dun espectáculo de regueifa con Lupe Blanco e Josiño, e da actuación da murga local ‘Os Mulos’.

Na parroquia de Cela

A Asociación Cultural Costumes de Cela tampouco esquecerá esta efeméride, e por iso organiza o 21 de maio un festival que se celebrará a partir das 17.30 horas no Eirado de Cela. Alí terá lugar a representación teatral de “Sabela e o paxaro máxico” da compañía Tarabelos Teatro. Despois entregaranse os premios do concurso de microrrelatos e de debuxo, e rematará a xornada coa actuación do grupo tradicional Retrouso, e coa animación e xogos tradicionais para a cativada a cargo de Barafunda Teatro.

No lugar de Meiro

Da man da Asociación Veciñal A Morada celebraranse as Letras Galegas na Casa da Aldea de Meiro o domingo 22 de maio a partir das 19 horas, cando terá lugar a presentación do libro Peroxo. Un rapaz de aldea, a cargo do autor Luís Chapela e o libreiro Fernando Miranda. Despois será o recital poético con micro aberto, e unha actuación a cargo dos grupos locais Palleta Mollada e Os Mulos, e remate con degustación de petiscos.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí