A nave envolta en lume.

O lume arrasou a nave da empresa Poliésteres Sobral S.L., especializada na fabricación de poliéster e situada no polígono de Castiñeiras, en Bueu. Ao redor das 5:30 horas foi activado o operativo despois de recibir o 112 Galicia a chamada dunha persoa particular, que, ao acceder á nave, decatouse de que había lume. A partir de aí, puxéronse en marcha os protocolos correspondentes para facer fronte a esta situación e velar pola seguridade das persoas. Inmediatamente trasladáronse ata o lugar os Bombeiros do Morrazo, cuxa base se atopa a só uns metros, e tamén se pediu reforzo a outros parques comarcais da provincia xa que a Xunta activou o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga).

Desta maneira, a través do 112 Galicia, solicitouse a intervención dos medios e recursos dos parques de bombeiros do Morrazo, Ribadumia e Baixo Miño, e mantívose sobre aviso aos efectivos de Pontevedra e Vigo por se fose necesaria a súa axuda. De feito, chegouse a mover unha dotación do parque pontevedrés. Sen embargo, descartaron a súa participación en canto comprobaron que había persoal suficiente para facer fronte á situación creada por un incendio de causas descoñecidas.

Ademais, contouse coa colaboración dos membros do Servizo Municipal de Protección Civil de Cangas e dos voluntarios de Protección Civil da vila, e tamén acudiron patrullas da Policía Local e da Garda Civil. Incluso foron informados os recursos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aínda que, afortunadamente, ningunha persoa necesitou asistencia médica.

Durante a intervención puideron escoitarse varias explosións provocadas polos produtos inflamables que había no interior. Finalmente lograron que as chamas non afectasen as naves lindeiras aínda que as instalacións de Sobral quedaron totalmente calcinadas. Neste momento os bombeiros atópanse aínda no lugar refrescando o interior.

Contra as oito da mañá, os efectivos de extinción daban por finalizada a súa actuación ao apagar o lume e protexer as naves lindeiras. Así, a Xunta procedeu a desactivar o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *