As clases comezan mañá, 1 de outubro, con 81 participantes máis que o ano pasado e unha cota de apenas 55 euros anuais para facilitar o acceso ao deporte
As Escolas Deportivas Municipais de Marín arrancan mañá, 1 de outubro, cun récord de participación: 977 persoas inscritas, fronte ás 896 da pasada tempada. O incremento de 81 participantes confi rma a boa acollida dun programa que permite practicar distintas disciplinas deportivas cunha cota de apenas 55 euros ao ano.
Esta oferta responde á aposta do Goberno local por achegar o deporte á cidadanía, procurando que a capacidade económica non sexa un impedimento para participar. A variedade de modalidades permite escoller entre propostas de equipo, individuais e náuticas, favorecendo a práctica deportiva e os hábitos de vida activos.
Unha oferta diversa coa colaboración das entidades deportivas
A programación inclúe tríatlon, fútbol sala, boxeo, fútbol, ximnasia rítmica, taekwondo, judo, hóckey, BTT, tenis, ximnasia acrobática, atletismo, baloncesto, natación, pádel e voleibol, ademais de disciplinas vinculadas ao mar como piragüismo, vela, remo e paddle surf.
A colaboración dos clubs e das entidades deportivas permite ofrecer este amplo abano de actividades e achegar ás persoas participantes a distintas formas de practicar deporte.
Máis participación e mellores instalacións
O impulso ás Escolas Deportivas Municipais acompáñase tamén de investimentos na mellora dos espazos nos que se desenvolve a actividade deportiva. Son exemplo desta liña de traballo os pavillóns da Cañota e do Sequelo, ambos recentemente reformados, que ofrecen instalacións renovadas para a práctica das distintas disciplinas.
O Concello continúa así combinando unha oferta deportiva accesible coa mellora dos equipamentos municipais. O récord desta tempada reforza o papel das Escolas Deportivas como un recurso para facilitar o acceso ao deporte, fomentar hábitos saudables e apoiar a actividade das entidades locais.

