Team Thunder organiza o Open Futuros Campeones e a CopaGalicia de Boxeo, cunha programación de mañá, tarde e noite que culminará coa disputa do Cinturón Xacobeo 2027 entre Jimmy e The Thunder
O Pavillón da Cañota será este sábado, 3 de outubro, escenario dunha intensa xornada de boxeo organizada por Team Thunder, que reunirá 28 combates amateur durante o día e sete enfrontamentos neoprofesionais pola noite. O evento foi presentado por Aarón González, do Team Thunder, e os concelleiros Antonio Traba e Antonio Caíña na Casa Consistorial.
A programación combinará a participación de novas promesas galegas no Open Futuros Campeones coa celebración da Copa Galicia de Boxeo, que incluirá tres títulos neoprofesionais e a disputa do Cinturón Xacobeo 2027.
Oportunidades para as novas promesas do boxeo galego
O Open Futuros Campeones desenvolverase en dúas sesións, de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.30 horas, cun total de 28 combates amateur.
Esta competición permitirá que os mozos e mozas deportistas galegos sigan adquirindo experiencia e poidan amosar o seu nivel diante do público. Desde Team Thunder destacan a importancia de ofrecer estas oportunidades, con emparellamentos que procuran combates equilibrados e evitan diferenzas excesivas entre os contendentes.
Sete combates na Copa Galicia e un duelo estelar
Ás 21.00 horas comezará a Copa Galicia de Boxeo, cunha velada de sete enfrontamentos neoprofesionais. A orde prevista dos combates é a seguinte:
● Víctor Simón Cortizo contra Troy Montes, en 60 kg: catro asaltos de tres minutos.
● Hugo Polo contra Anxo Martínez, en 65 kg: catro asaltos de tres minutos.
● Sergio Manso contra Amancio Martínez, en 80 kg: catro asaltos de tres minutos.
● Noé Vila contra Álex Castro, en 70 kg: cinco asaltos de tres minutos, con título neoprofesional en xogo.
● Adrián Conde contra Samuel Marfo, en 75 kg: cinco asaltos de tres minutos, con título neoprofesional en xogo.
● Dayrel Morenza contra Raúl Loira, en 85 kg: cinco asaltos de tres minutos, con título neoprofesional en xogo.
● Jaime Lera “Jimmy” contra Aarón González “The Thunder”, en 80 kg: catro asaltos de tres minutos, polo Cinturón Xacobeo 2027.
O enfrontamento entre Jimmy e The Thunder será o combate estelar. Segundo destaca a organización, o duelo chega precedido dunha notable expectación, alimentada polos retos e mensaxes que ambos os boxeadores levan meses compartindo en redes sociais.
Aarón González subirá ata os 80 quilos para medirse a Jaime Lera, un rival de maior envergadura, nun combate que porá o broche final á xornada.

