Reunión do goberno local coa directiva da asociación veciñal.

A reunión, celebrada no local social de Juan XXIII, permitiu repasar cuestións relacionadas co mantemento, a iluminación, o local veciñal e cuestións de seguridade viaria

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e os concelleiros Manuel Santos e Pablo Novas reuníronse onte no local social de Juan XXIII coa nova directiva da Asociación Veciñal de Pardavila, presidida por Elisa Dopazo. O encontro serviu para coñecer as prioridades da entidade e repasar diferentes actuacións que afectan á parroquia.

A directiva trasladou o seu interese en impulsar cursos e actividades que axuden a mellorar as competencias dixitais da veciñanza, especialmente das persoas maiores. Tamén se abordaron a poda de árbores e pequenas reparacións necesarias no novo parque infantil.

Iluminación, augas e mantemento da contorna

Entre as cuestións tratadas fi gurou o fortalecemento de novos puntos de luz en algúns puntos da parroquia, seguindo o traballo que xa se está a facer coa Brigada Municipal.

A reunión permitiu igualmente revisar a situación do proxecto de canalización das augas ata Coirados, que está pendente de recibirse. A intención é poder presentar o documento á veciñanza unha vez estea dispoñible. En relación coa seguridade viaria, analizáronse diversas afeccións derivadas de caídas de auga da Variante e a necesaria actuación nalgúns puntos en mal estado de pistas da parroquia. Ademais, repasáronse as zonas da parroquia incluídas no plan da Deputación para atender os danos ocasionados polo temporal do ano pasado.

Actividade veciñal

A nova directiva compartiu, así mesmo, as actividades que está a promover para dinamizar a vida da parroquia. Entre elas figura unha excursión a Lalín, financiada pola Deputación de Pontevedra, esta fin de semana, que xa conta con 55 persoas participantes e lista de agarda.

O Concello e a asociación acordaron manter o contacto para facer seguimento dos asuntos abordados e continuar traballando nas necesidades trasladadas pola veciñanza de Pardavila.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *