O alumnado de Cociña do Obradoiro Dual de Emprego preparou un almorzo adaptado e o de Asistencia Sociosanitaria acompañou a 12 persoas usuarias da Asociación Vontade, de Tomiño, nun encontro no que participaron a concelleira Beatriz Rodríguez e o delegado da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández.
O vestíbulo do Auditorio de Marín converteuse por un día nun punto de encontroarredor da gastronomía, os coidados e a solidariedade. O Obradoiro Dual de Emprego do Concello de Marín recibiu ás 11.00 horas a 12 persoas usuarias da Asociación Vontade, de Tomiño e a nove persoas do seu equipo de coidados para compartir un almorzo preparado e servido polo alumnado.
Na xornada estiveron presentes a concelleira de Promoción Económica, Beatriz Rodríguez, e o delegado da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández.
Dúas especialidades, un almorzo compartido
Na actividade participou todo o alumnado do obradoiro. Os da modalidade de Cociña elaboraron distintas versións do almorzo para adaptalo ás necesidades das persoas asistentes, con opcións para persoas con disfagia ou diabetes.
Pola súa banda, o alumnado de atención sociosanitaria encargouse de recibir, acompañar e prestar apoio durante o encontro ás persoas usuarias da asociación, entre as que había persoas con discapacidade física e sensorial.
A xornada permitiu ao alumnado aplicar o aprendido nunha situación real e traballar en equipo entre as dúas especialidades. Desde a preparación dos pratos ata a atención no vestíbulo, cada tarefa contribuíu a que todas as persoas puidesen gozar do mesmo encontro.
O programa incluía tamén un paseo por Marín despois do almorzo, que non se puido realizar por mor do mal tempo. O grupo de Vontade marchou moi satisfeito coa acollida e trasladou a súa intención de volver á vila para completar a visita.
O Obradoiro é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia.

