Santos e Portas, esta mañá no Concello de Moaña.

Van pedir unha reunión urxente co conselleiro de Sanidade e non descartan outras accións para obrigar ao 061 a que poña un terceiro vehículo en Cangas e Moaña

Xa o reclamaban por separado en numerosas ocasiones pero hoxe quixeron facelo xuntas. As rexedoras de Cangas e Moaña, Vitoria Portas e Leticia Santos, deixaron patente hoxe a súa unión fronte a unha necesidade cada vez máis perentoria, a dunha terceira ambulancia ou, ambulancia de reforzo, que cubra os servizos de emerxencias cando os vehículos do 061 con base en cada un destes municipios estean ocupados. É dicir, para evitar que ocorra o da última semana cando tres moañeses faleceron sen ter unha atención sanitaria adecuada. Algo que ao longo dos últimos anos xa sucedeu en bastantes ocasións, unhas con resultado de morte e noutras deixou secuelas nos enfermos. “A estas persoas non se lles deu a posibilidade de seguir vivindo, están a xogar coa saúde das persoas. A ambulancia é unha cuestión vital”, apostilaron Santos e Portas.

Protección Civil e Policía Local de “choferes”

Unha escaseza de medios que está a obrigar aos servizos de Protección Civil locais e, mesmo, á Policía Local, a actuar de choferes dos médicos do PAC de Cangas cando non hai ambulancia para que cheguen ao momento onde se atopa o paciente que require asistencia no menor tempo posible. E non as hai, lembran, porque moitas desas veces as ambulancias con base en Cangas e Moaña atópanse traballando en Vigo, como ocorreu o luns 3 de xaneiro cando faleceu o veciño de O Latón, ou mesmo, encontranse realizando un traslado ao hospital de Vigo no que tardan, de media, duas horas (viaxe+desinfección). “Non os podemos converter en transportistas, isto debería ser algo excepcional, pero pola falta dunha ambulancia de reforzo fíxose habitual”. Cangas conta cunha Agrupación de Protección Civil profesional, cos seus membros como persoal asalariado do Concello, por ser un municipio de máis de 20.000 habitantes mentres que Moaña, por non superar esa cifra, non está obrigada a ter en persoal a este corpo e os seus efectivos son voluntarios.

Aseguran que, polo ben dos seus cidadáns, ambas poderán a disposición todos os seus medios se con iso axudan a salvar vidas pero advirten á Consellería de Sanidade de que non se pode aproveitar disto para seguir desatendendo as súas competencias, que pasarían por instaurar esta terceira ambulancia para acurtar os tempos de reacción que son vitais para salvar a vida das persoas. Fundamentalmente, cando Moaña non ten urxencias, tampouco abre polas tardes e os datos da pandemia seguen elevados.

Reunión co conselleiro

Ambos os concellos estiveron levando a cabo por separado accións encamiñadas a reclamar á Xunta esta ambulancia (mocións en plenos, manifestacións, recollida de firmas…) que a administración autonómica nega desde fai máis dunha década alegando que non existe a necesidade. Como proba entrega uns datos que as rexedoras cualifican de “risa” ao non recoller neles os servizos que ambulancias doutros municipios de Vigo e da contorna realizan en Cangas e Moaña cando as propias atópanse ocupadas e tampouco os tempos de resposta reais. Agora, continuarán facéndoo pero unirán esforzos e realizarán accións comúns como solicitar unha reunión urxente co conselleiro de Sanidade para esixirlle, unha vez máis, unha atención de emerxencias digna.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí