O pleno desta mañá en Bueu.

O proxecto actual ascende a un total de 1.108.321,90 € e o goberno local agarda licitalo novamente nas próximas semanas

O salón de plenos da Casa Consistorial acolleu este venres, 9 de decembro, unha sesión plenaria extraordinaria na que se acordou aprobar o novo proxecto de ampliación da Biblioteca Municipal Torrente Ballester, valorado en 1.108.321,90 € IVE incluído. A proposta contou cos votos a favor dos grupos de goberno, BNG e ACB, coa abstención do PP e en contra do PSOE.

O Concello de Bueu tivo que proceder á revisión deste proxecto, despois de que a empresa que resultara adxudicataria renunciase á execución da obra ante o importante incremento dos custes dos materiais de produción. De feito, xa nunha sesión plenaria a finais de novembro se acordou rescindir este contrato e inmediatamente se solicitou a revisión do proxecto por parte do equipo técnico redactor. Agora, co novo proxecto nas mans, enviarase a documentación á Deputación de Pontevedra para que poida valorala e dar o visto e prace, dado que a actuación se financia con fondos do Plan Reacpon e do Plan Concellos 2022.

Félix Juncal destacou que “temos necesidade de reducir ao máximo posible os prazos do Reacpon e do Plan Concellos, e tamén os de licitación do proxecto”. Elena Estévez, en representación do PP, aludiu a que a sesión se convocase con poucos días e sen avisar aos concelleiros e concelleiras previamente. E José Vilas, voceiro do PSOE, apuntou que “creo que necesitariamos contar cun informe da arquitecta municipal, onde se nos indique as modificacións de forma concreta”, ao que o alcalde contestou que ao longo do expediente de contratación xa se farán os informes pertinentes por parte dos técnicos municipais.

Esta actuación pretende adaptar a biblioteca ao século XXI nos seus usos e servizos, buscando resolver ademais as problemáticas detectadas a nivel estrutural do edificio, cunha especial atención á mellora da accesibilidade e seguridade de todas as persoas, e á eficiencia enerxética.

A intervención servirá para ampliar o edificio actual, situado no corazón do Parque Ramal dos Galos, engadindo unha planta adicional de 360 metros cadrados de superficie, que ademais permitirá trasladar o Arquivo Municipal, actualmente localizado en Cela, ao centro bueués. O proxecto prevé que a planta baixa manteña as dependencias da biblioteca, que se ampliarían con sala de estudos, de informática e polivalentes. Trátase, pois, dunha reforma profunda nun edificio de máis de trinta anos e que servirá tamén para resolver os problemas de mobilidade e accesibilidade entre as diferentes plantas, ao incluír o proxecto a dotación dun ascensor.

A biblioteca erixirase coma un gran centro de coñecemento con varios espazos: de aprendizaxe e descubrimento (formación, auto aprendizaxe, adquisición de competencias dixitais…), inspirador (acceso á cultura, mediateca, literatura ou divulgación científica), de reunión e encontro (conferencias, charlas e zonas de lecer), e de creación (obradoiros, formación e outros cursos).

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí