Marta Rial (presidenta), Cristina Díaz (vicepresidenta), Carmela Gil (secretaria) e María Concepción Vidal (tesoreira) mostrando o papel de rexistro da asociación Afimo.

Chámanse Marta Rial, Cristina Díaz , Carmela Gil e María Concepción Vidal e son catro mulleres que uniron os seus nomes e o seu esforzo para crear a primeira asociación de afectade@s de fibromialxia na comarca do Morrazo: Afimo. Tamén é a primeira en toda a provincia de Pontevedra. Todas elas, menos unha, padecen esta doenza e son conscientes da necesidade que existía nos concellos de Cangas, Moaña e Bueu de dar vida a unha entidade que puidese axudarlles.

Concluídos todos os trámites administrativos necesarios para dar legalidade á asociación, agora xa poden dicir que son pioneiras en axudar e dar servizo no Morrazo a todas as persoas con dor musculoesquelético xeneralizado. Inicialmente farano prestando servizo de psicoloxía e piscina gratuítos en Cangas, pero prometen ampliar a oferta.

O próximo día 12 de maio será a posta de longo para dar a coñecer a asociación coincidindo co Día Internacional da Fibromialxia. O acto celebrarase ás portas do Concello de Cangas e está previsto que asistan os alcaldes dos tres concellos, que lles tenderon a man desde o principio. A alcaldesa de Cangas, Victoria Portas, ofreceulles un local no centro social anexo ao edificio consistorial para que a utilicen como sede e os rexedores de Moaña, Leticia Santos, e Bueu, Félix Juncal, achegarán material e merchandising para que poidan promocionarse. Ademais de estar abertos a todo o que poidan necesitar.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *