Calles e camiños de Bueu.

No documento, que se suma aos xa aprobados de Cela e Beluso, recóllense un total de 271 camiños de titularidade municipal

O Boletín Oficial da Provincia de pontevedra (BOPPO) publicou este venres, 25 de
marzo, o anuncio relativo á aprobación inicial do Inventario de Camiños Municipais da Parroquia de Bueu, a partir do que se abre un prazo de alegacións dun mes. Este documento, que foi aprobado na sesión plenaria deste mes, súmase aos outros dous inventarios das parroquias de Cela e Beluso, e permitirá dotar ao Concello dunha maior seguridade xurídica no quefacer diario e á hora de acceder a subvencións que requiran da acreditación da titularidade de viais. Félix Juncal, alcalde de Bueu, salienta que “os inventarios de camiños das tres parroquias suman unha década de traballo, aínda que estamos ante documentos vivos que poden ir mudando coas achegas da cidadanía”.

Segundo explica Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, “para a elaboración deste inventario contamos cun proceso de participación cidadá previo, e reunímonos coas comunidades de montes e asociacións veciñais”. Con todo, agora ábrese este prazo para que se poida mellorar o documento no que se recollen un total 271 camiños.

Á hora de incluír un camiño no inventario debía cumprir dúas condicións, como que aparecese recollido no catastro actual como vía de comunicación de dominio público, ou que o camiño presentase sinais externas moi evidentes do seu uso público. A maiores, o camiño debe, ou aparecer o trazado do camiño nos planos das Normas Subsidiarias Municipais de Planeamento do ano 1986, ou estar grafado na cartografía catastral do ano 1956.

Toda a información pode consultarse no Portal de Transparencia da Sede Electrónica do Concello de Bueu, concretamente no apartado “Normativa- proxectos en tramitación”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *