Sede do UAD en Cangas.

Para este 2021 concedeu 200.915,20 euros, o que obriga ao Concello de achegar 135.000 euros ao ano para sufragar o resto de gastos a pesar de que a competencia é autonómica e os usuari@ s son de toda a comarca do Morrazo

O Concello de Cangas recibirá da Xunta para este ano 200.915,20 euros como axuda para o financiamento dos gastos anuais que supón manter a unidade de drogodependencia aberta. Unha cantidade que apenas sufraga o 60 por cento do custo real do servizo e que en 2019 alcanzou os 334.667,52 euros. Deles, 316.147,63 euros corresponden ás nóminas e Seguridade Social dos traballad@s, polo que a subvención autonómica nin sequera alcanza para este apartado e, mesmo, é inferior á concedida en 2018 cando o consistorio recibiu 213.529,51 euros.

O equipo do centro está formado por 2 psicólogos especialistas en clínica, un médico psiquiatra, unha traballadora social, unha D.U.E., unha auxiliar de enfermería e un auxiliar administrativo.

Precisamente, a alcaldesa de Cangas, Victoria Portas, solicitou o pasado mes de xuño q través da Fegamp, que é a mediadora deste convenio aos concellos, que fose a Xunta quen asumise a totalidade da unidade ao ser a atención a persoas con adiccións competencia da Xunta pero a xulgar polo diñeiro concedido, a situación continúa da mesma forma. O Concello de Cangas é o único da comarca que ofrece este servizo, polo que os usuarios e usuarias proveñen de todo O Morrazo.

Aínda así, a unidade de drogodependecia canguesa seguirá activa e mañá está previsto que a Xunta de Goberno aprobe este convenio coa administración autonómica.

A solicitude do Concello de Cangas non foi aceptada

A alcaldesa propuso en xuño, con motivo da negociación entre a Xunta de Galicia e a Fegamp para a renovación do convenio entre ambas as entidades destinado a realizar programas de atención e protección da saúde para o ano 2021, que a administración autonómica asumise o custo dos profesionais e servizos sanitarios da Rede Asistencias de Condutas Aditivas que prestan os departamentos dependentes dos Concellos para, explicou, “ordenar a atención” e que dependa de Saúde Mental do Sergas.

“Tendo en conta a necesidade de reducir a crecente carga económica que están a asumir os Concellos polo mantemento da Rede Asistencial de Condutas Aditivas e considerando a necesidade de asegurar a continuidade da prestación dos Servizos que atenden a máis de 13.000 persoas en Galicia, ante as dificultades para cubrir o importante número de baixas por xubilación previstas a curto e medio prazo nas unidades de toda Galicia”, xustificou Portas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *