A delegada da Xunta na estación de autobuses de Cangas.

A delegada territorial da Xunta en Vigo aseguró que as obras respectaron a singularidade dun edificio que mantén a súa estética orixinal como elemento identitario desta localidade do Morrazo

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, entregou hoxe aos veciños de Cangas a nova estación de autobuses tras unha inversión de 400.000 euros. Indicou así que o Goberno galego culmina unha área intermodal modernizada e renovada. Durante a súa visita a localidade pontevedresa, recordou que os traballos realizados respectaron a singularidade dun edificio que mantén a súa estética orixinal como elemento identitario desta localidade do Morrazo. Unha grande área de transporte público que combina a estación de autobuses, pola que pasan cada ano 77.000 pasaxeiros e acolle case 40.000 expedicións, e da servizo a preto de 700.000 usuarios do transporte de ría.

Tras sinalar que a obra sufriu un lixeiro atraso sobre a data prevista de finalización, que achacou á folga de transportes de marzo e á dificultade de fabricación e subministro das cubertas exteriores, a representante autonómica celebrou que os cangueses disporán a partir de agora dunha estación na que se primou a funcionalidade, a seguridade, a estética e a integración coa paisaxe. Detallou así entre os traballos realizados a impermeabilización da cuberta, a redistribución dos espazos e a mellora da iluminación led. Tamén a colocación de portas automáticas, sistemas de climatización e ventilación, e un panel informativo dixital que mostra os horarios dos buses e dos barcos.

En canto á zona de dársenas, indicou que se aplicou un tratamento anticorrosivo na cuberta e se instalaron novos paneis. E con respecto á zona de espera, renováronse os bancos para o repouso, instalouse unha mampara de vidro e tamén nova iluminación led, de menor consumo.

Para a mellora da funcionalidade e da accesibilidade, apuntou que se habilitaron 2 prazas de ‘kiss & ride’; un acceso peonil principal á dársena desde o paseo marítimo; e se colocou pavimento podotáctil para facilitar o tránsito das persoas con dificultades de visión. Ademais, para garantir a seguridade delimitouse a parcela con varanda perimetral e colocáronse barreiras automáticas para protexer a peóns e condutores da circulación dos buses.

Neste sentido, a representante autonómica valorou a medida como unha mostra máis do compromiso do Goberno galego coa mobilidade e unha aposta importante polo transporte público, con melloras nos servizos e nas infraestruturas. Un compromiso do Executivo autonómico que se viu intensificado nos últimos anos coa renovación de máis de 3.500 liñas en toda Galicia, para ofrecer máis servizos e mellor adaptados ás necesidades da xente.

A mellora da estación de autobuses de Cangas está financiada no marco do Eixe React-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 como resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19.

Descontos no transporte interurbano

Por outra banda, Fernández-Tapias recordou que o Executivo está a aplicar desde o pasado 1 de setembro unha redución do 50% do prezo do billete para os usuarios do transporte de ría e tamén sobre a tarifa do autobús interurbano. Unha iniciativa que estará vixente ata o vindeiro 31 de decembro e que é de aplicación para as viaxes aboadas coas tarxetas de Mobilidade de Galicia e tamén para os bonos multiviaxe comercializados polas concesionarias do transporte, beneficiando así aos 25.437 veciños de Cangas e de Moaña que dispoñen de TMG. A bonificación nestes catro meses en que será de aplicación a medida suporá un aforro conxunto de 560.000 euros.

Asemade, a delegada fixo fincapé na Tarxeta Xente Nova coa que 4.782 mozos de Cangas e Moaña viaxan gratis e que de xaneiro a xullo deste ano realizaron 93.139 viaxes financiadas integramente pola Xunta.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *