A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá a Xunta Local de Seguridade do Concello de Cangas, xunto á súa alcaldesa, Victoria Portas, celebrada co gallo dos inminentes festexos do Entroido na localidade. Na reunión tamén estiveron presentes o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, Simón Venzal, o capitán xefe do subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, Antonio Pérez Piteira, así como membros da Policía Local e dos corpos de emerxencias.
No encontro planificouse o operativo especial de seguridade e tráfico con motivo dos festexos municipais do Entroido. Maica Larriba sinalou que “despois de dous anos marcados pola pandemia, agárdase unha gran afluencia de público ao longo de toda a semana”. Neste sentido, destacou a importancia da coordinación entre os diferentes corpos e forzas de seguridade para garantir “o bo desenvolvemento dos actos festivos e, por tanto, a seguridade da veciñanza e dos visitantes que se acheguen a Cangas e a súas parroquias nestes días”.
Maica Larriba subliñou “a máxima dispoñibilidade dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado para artellar as medidas pertinentes que garantan a seguridade cidadá e a seguridade viaria” e informou das diferentes accións que levarán a cabo e que pasan pola realización de controis de circulación nos accesos á vila e ás súas parroquias, que poderán supoñer algúns cortes de tráfico en determinadas rúas ao longo de toda a semana, e pola activación de controis de alcoholemia e drogas.
Entroido do Hío
Así mesmo, e co obxectivo de protexer o patrimonio do Concello e garantir a súa integridade, determinouse o valado temporal do conxunto histórico artístico do cruceiro de Hío.
Os axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado traballarán en coordinación cos axentes da Policía Local e Protección Civil, garantindo a seguridade cidadá e o bo desenvolvemento das actividades festivas.
Por último , Maica Larriba apelou a unha celebración do Entroido sen violencia de xénero e sen agresións sexuais e solicitou a posta en marcha de puntos violeta de información e asesoramento ás mulleres que o poidan precisar, atendidos por profesionais especializados.