O GALP Ría de Pontevedra contacta con representantes da súa área de influencia para coñecer a evolución do sector do mar tralo impacto da Covid 19

O decreto do estado de alarma, o pasado 13 de marzo, freou parte do sector pesqueiro e marisqueiro da ría de Pontevedra. Dous meses despois e trala entrada na primeira fase da desescalada, os ánimos dos traballadores e traballadoras do mar oscilan entre a sensación de estancamento e a esperanza pola recuperación da actividade.

Co obxectivo de coñecer cal foi a evolución do sector durante este tempo, o GALP Ría de Pontevedra contactou con varios representantes do sector da súa área de influencia: a presidenta da Cooperativa do Mar San Miguel de Marín, Beatriz Vázquez Piedras; a patroa maior de Lourizán, María del Carmen Vázquez; o secretario da confraría de Bueu, José Barreiro; e o patrón maior de Portonovo, Juan José Besada.

Os prezos e o volume de capturas
“Os prezos compórtanse como un fío de serra, é un sube e baixa continuo. É certo que non soben moito porque non é unha época de prezos moi excesivos, pero cando baixan, baixan bastante. O prezo do peixe fino, como o linguado, é moi barato”, expón a presidenta da Cooperativa Mar San Miguel de Marín, Beatriz Vázquez Piedras. Unha caída dos prezos que os demais representantes tamén constataron ao inicio da pandemia e que segue a manterse para algunhas especies que, polo seu tamaño e elevado prezo, son absorbidas en maior proporción pola restauración.

“O prezo do polbo grande baixou moito porque os particulares non o queren e, ao estar os restaurantes e a exportación pechados, queda para a refrixeración. De feito, estamos vendendo máis caro o polbo pequeno ca o grande, que pegou unha baixada de case dous euros por quilo”, apunta o secretario da confraría de Bueu, José Barreiro.

Ademais do prezo do peixe fino, outra das cuestións que máis preocupa ao sector é o presente e futuro do marisqueo. “A situación é practicamente igual ao comezo do estado de alarma. O 90% das vendas da lonxa proceden do marisqueo e non vendemos unha ameixa desde o 13 de marzo, polo que tivemos que solicitar as axudas pola baixada da produtividade”, indica a patroa maior de Lourizán, María del Carmen Vázquez. Isto supón a paralización case total da lonxa de Campelo que ve limitadas as súas vendas ao choco e a algunha peza solta como o lumbrigante ou centola.

Na lonxa de Bueu, as capturas tamén experimentaron un importante descenso, dado o paro da navalla, o percebe ou a ameixa pola falta da demanda. “No primeiro cuadrimestre deste ano falamos dunhas perdas de 250.000 euros, ou sexa, unha media de 60.000 euros ao mes en vendas. Tendo en conta que o mes de xaneiro e febreiro foron normais, con mal tempo, pero normais, é un descenso moi importante”, indica Barreiro. A faneca, a carioca, a maragota, o pinto ou o polbo son algunhas das especies que ofertan agora mesmo.

Pola súa banda, as lonxas de Portonovo e Marín seguen a traballar coas mesmas especies que adoitaban facelo por esta época do ano, sen rexistrar un gran descenso do volume de capturas. No primeiro caso, poderiamos falar de capturas de xurelo, sardiña ou raia, e no segundo, de xouba, choco, faneca ou rabada.

“Estamos ao 80%, xa que algúns barcos non están indo ao mar, como é habitual nesta época do ano”, comenta o patrón maior de Portonovo, Juan José Besada. Sobre a evolución dos prezos, observa que, pasado o primeiro mes, estes repuntaron e agora xa “tenden a estabilizarse”.

No caso de Marín, en palabras da presidenta da cooperativa San Miguel, “nunca se pechou a venda, os barcos seguen entrando igual. Incluso algúns veñen derivados de Vigo, que está un pouco máis capado”.

O novo protocolo de hixiene
Todas as lonxas aplican as novas normas de hixiene para loitar contra a Covid 19, converténdose o uso de máscaras e guantes, e a desinfección constante nunha rutina máis.

“Xa de antes se limpaban diariamente todos os mecanismos con disolucións de lixivia; por iso, cando empezou todo isto, nós xa o estabamos facendo. A xente asúmeo e toma responsabilidade. A seguridade é máxima”, informa Besada. Unha lonxa, a de Portonovo, que, ao igual que ás demais, tivo que suspender as visitas de veciños e turistas para asistir ás poxas.

“É certo que ao principio houbo falta de máscaras e á xente custoulle un pouco adaptarse ás esixencias do protocolo. Agora, xa entran con elas e cos aguantes e intentan manter a distancia entre os compradores. Tamén o peixe está máis esparexido para evitar aglomeracións”, comenta Beatriz Vázquez sobre estas normas que “veñen para quedar”. “Os guantes son necesarios e as máscaras, igual son un pouco incómodas, pero tampouco estás tusindo enriba do peixe. Tampouco é algo tan descabellado”.

Desde Campelo, a acollida tamén foi boa, segundo informa a patroa maior de Lourizán, que dá conta da instalación de paneis de metacrilato nas oficinas para evitar o contacto. Neste sentido, considera imprescindible reactivar o marisqueo para ver como se acomodan as novas esixencias á súa actividade, “probar a seguridade dos controis” e facer, de seren necesarios, os correspondentes axustes para desenvolver o seu traballo con todas as garantías de hixiene e seguridade.

Para o secretario da confraría de Bueu, o novo protocolo consistiu nunha “adaptación dentro normalidade”; incidindo en que “o fundamental é gardar a distancia de seguridade e lavar as mans”.

O consumo
Segundo a Análise de consumo alimentario do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, correspondente á semana 18 de 2020 (do 27 de abril ao 3 de maio), o consumo de peixe situouse por riba da media, tanto no peixe fresco, que aumentou un 33%, como no conxelado, que medrou un 40,9%. Unha suba da demanda que vai acompañada pola progresiva reincorporación dos compradores ás poxas.

Con todo, a caída dos prezos do peixe en orixe seguen sen plasmarse no que pagan os consumidores por eles. “Chegan ao consumidor final como se fosen a un prezo normal e a realidade non é esa”, lembra a presidenta da cooperativa San Miguel.

Pouco a pouco as prazas de abastos comezan a recuperar o movemento anterior ao inicio da pandemia e, nalgúns casos, a superalo, tal e como apunta o patrón maior de Portonovo. “A xente estase acostumando a mercar máis peixe de proximidade. Por sorte, agora hai máis persoas na praza que fai seis meses e isto anima moito aos peixeiros. A ver se isto continúa e non nos quedamos nos supermercados e nos conxelados”. Besada achaca este aumento de afluencia ao tempo que destina agora a cidadanía á compra ao non poder desenvolver plenamente outras actividades. “Antes andabamos todos ás carreiras, collías o primeiro que atopabas e adeus”.

En canto á restauración, a entrada na fase unha non provocou un aumento da demanda por esa vía. “É unha compra normal, contida, non moi esaxerada. O normal para esta época. Agora comezarían os restaurantes a mercar peixe máis fino pero, polo momento, aínda non é así”, explica Beatriz Vázquez desde Marín. Unha visión compartida por Barreiro, desde Bueu: “Eu creo que ata que se entre nunha fase na que poidas compatibilizar terraza con interior, aínda que sexa ao 50%, non alcanzaremos un alivio. Ademais, os mercados importantes como son os de Madrid ou Barcelona seguen pechados”.

E é que a apertura do canal Horeca xoga un papel moi importante na recuperación do sector, particularmente do marisqueo. “A hostalaría é o principal cliente”, afirma rotunda a patroa maior de Lourizán mentres mostra a súa preocupación polo impacto que poida ter o tardío despegue do turismo na actividade. “Para a navalla, o percebe, a ameixa ou un rodaballo grande se a demanda do canal Horeca está pechada mal imos”, agrega Barreiro.

O futuro
As miradas dos entrevistados póusanse no futuro de xeito diferente. Se ben é certo que durante este tempo en Marín e Portonovo continuaron saíndo ao mar, en Campelo e Bueu o freo do marisqueo provocou un maior impacto na súa actividade.

“Cómpre empezar a traballar aos poucos para saber onde fallamos e como responde o mercado; darlle algo do que temos e non deixar que se nos escape. Hai que pensar no sector e non esperar a empezar todos ao mesmo tempo”. Para Mª del Carmen Vázquez é necesario volver ao marisqueo nun contexto de “cambio bestial” e de moita inestabilidade para as confrarías. “Este ano vai ser peor ca crise de 2014”, di ao lembrar a marea vermella que sufriu a ría de Pontevedra aquel ano.

Unha aposta polo funcionamento do sector desde o colectivo e a proactividade coa que coincide o secretario da lonxa de Bueu. “O paro de especies como o percebe ou a navalla levaranos a ter que cambiar os sistemas tradicionais en moitos aspectos. Por exemplo, para poder vender a navalla, ao ser un marisco que aguanta pouco, haberá que ir ao mar xa co pedido feito. O camiño irá por aí e ademais evitarase que haxa moitos compradores nunha poxa”, expón.

“A tendencia ten que ser a mellor. A restauración vai ir abrindo pouquiño a pouquiño e a alegría da xente vai ir aumentando ao poder saír da casa”, comenta a presidenta da cooperativa San Miguel de Marín sobre como se presentan as vindeiras semanas. “Non creo que teñamos moito problema para adaptarnos a esta nova realidade”, engade ao respecto Juan José Besada.

Durante esta pandemia, o sector pesqueiro e marisqueiro non deixou de mobilizarse para poder abastecer á sociedade galega de peixe variado e de calidade, saíndo ao mar cada día ou estudando novas vías para poder facelo. O consumo de peixe, ademais de proporcionarlle á nosa dieta vitaminas e proteínas, contribúe, de xeito fundamental, ao mantemento do tecido socioeconómico da comunidade e, con el, ao seu porvir.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *