Actividade desenvolvida esta mañá no centro escolar de Marín.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural e da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade, está a impartir novamente, co gallo do inicio do presente curso académico, accións de concienciación e formación entre toda a poboación escolar para sensibilizar na prevención dos lumes forestais.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistiu esta mañá a unha destas xornadas didácticas, acompañando a membros da base helitransportada do Campiño, que celebraron unha nova sesión no CEIP de Seixo, no Concello de Marín, na que participaron os 150 alumnos deste centro público.
“É fundamental sensibilizar e informar aos cativos, como xeracións que sosterán o futuro de Galicia, da importancia da preservación dos montes e da divulgación da cultura forestal e dos riscos, en todos os eidos, así como das perdas económicas, ecolóxicas e culturais que supoñen os incendios forestais”, explicou o representante autonómico.

A actividade desenvolvida no centro marinense, impulsada polo distrito forestal no seu plan de divulgación, contou coa participación dun axente ambiental, unha brigada de bombeiros forestais e un vehículo motobomba e centrouse na concienciación sobre os lumes forestais e a necesidade de erradicalos para conservar axeitadamente a biodiversidade, a capacidade produtiva do monte, o medio natural e a calidade das augas, entre moitas outras cuestións.

Esta formación, que xa se desenvolveu en anos anteriores entre o alumnado de educación infantil e primaria, estenderase nesta ocasión por toda Galicia con 304 charlas, 16 por cada distrito forestal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *