De esquerda á dereita, Manuel Pizcueta xunto ao seu logo e Diego Seixo mostrando o cartel desta 40 edición.

A organización desvela que este ciclo cultural terá lugar entre o 25 de xuño e o 8 de xullo, consolidando así a tendencia do ano pasado de espazar a programación ao longo de tres semanas

Aproveitan a celebración das catro décadas para realizar unha pequena homenaxe a todos os artistas que durante os últimos 20 anos encargáronse do deseño do cartel, co logo conmemorativo elaborado polo creativo cangués Manuel Pizcueta

O acto de presentación de hoxe foi o primeiro prato dun menú que xa está pechado, segundo confirmou a organización, co que pretenden celebrar ao grande os 40 anos da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC). Puxeron sobre a mesa un entrante ao que denominaron «40-20», é dicir, aproveitarán este aniversario tan sinalado para render homenaxe a todos os artistas gráficos que realizaron a cartelería ao longo dos últimos 20 anos. Farano mediante unha exposición paralela á celebración da Mostra, que terá lugar do 25 de xullo ao 8 de xullo, e na que o público poderá lembrar e visualizar a evolución dos distintos deseños, todos eles elaborados por creativos galegos, e que nesta ocasión terán un nexo común: a imaxe que Pizcueta creou en 2004, que será desde esta edición a imaxe corporativa da Mosta en agradecemento ao artista cangués grazas á adaptación realizada polo artista moañés Diego Seixo, autor tamén do cartel desta edición.

Directiva da Mostra xunto ao resto de asistentes ao evento.

Seixo, que desde 2016 foi o encargado de deseñar a carta de presentación do certame teatral, manifestou durante a presentación que a súa nova proxección artística busca dar continuidade á obra de Pizcueta e á que el mesmo fixo anos atrás. De feito, volveu a incorporar por segunda vez ao personaxe que aparece en «Alicia no país das marabillas», coñecido como Humpty Dumpty. Nesta ocasión preséntao sen rostro, en equilibrio sobre o filamento dunha lámpada, con antuca en man e nunha posición que transmite felicidade. Seixo recoñeceu que esta non era a idea inicial, senón escenificar Cangas, pero finalmente «xurdiu outra idea».

A programación teatral desta 40 edición da MITCFC será presentada o próximo 5 de maio. Polo momento non quixeron dar ningunha pincelada aínda que si resaltaron que en 2023 consolídase, como xa se fixo o ano pasado, a duración da Mostra durante tres semanas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *