Presidente e vicepresidente de Devanceiros coa alcaldesa e o concelleiro de Cultura na presentación.

A mostra abrirá as súas portas o vindeiro sábado e permanecerá ao dispor dos visitantes ata o 27 de novembro

Non contan cun local permanente pero iso non lles impide mostrar ao público todas as pezas únicas relacionadas co mar, que gardan onde poden e como poden en baixos privados e nos seus propios domicilios. O afán divulgador da súa directiva e de colabórelos axúdalles a que cada unha das mostras que organizan no alto da Praza de Abastos de Moaña sexan todo un éxito de público. E a próximo, non será menos. Desde o vindeiro sábado e ata o 27 de novembro abrirán «Naufraxios», unha «homenaxe» a aqueles veciños de Moaña que perderon a vida no mar desde 1835 e ata a actualidade (incluído o Villa de Pitanxo) e ás súas familias. Esta exposición, explican, non terá nada que ver coas anteriores e busca «que non se perda a memoria» destes sinistros.

Quen se achegue a esta cita poderán ver maquetas únicas de pecios no fondo mariño, algo «moi especial» e «nunca antes visto», explica o presidente de Devanceiros, Cristóbal Cordeiro. Tamén haberá unha sección especial de máquinas, de Salvamento Marítimo, unha colección de fotografías antigas nas que poderán verse, por exemplo, como era zona do Vaticano cando funcionaba como barrio pesqueiro e mesmo imaxes cedidas pola TVG nas que se mostrarán os naufraxios que máis mortes causaron en Moaña. Devanceiros quere deixar claro que nesta colección foxen do «morbo» e que só se busca render unha homenaxe desde o recordo «para que as familias non sentan doídas».

Tres meses de traballo de preparación e documentación que verán a luz o día 1 de outubro baixo o título de «Naufraxios» e co lema «Só morre quen é esquecido… unha homenaxe a nosa xente do mar».

A mostra conta co apoio do Concello de Moaña. A súa alcaldesa, Leticia Santos, puxo en valor o traballo de «divulgación da cultura mariñeira de Moaña» que está a levar Devanceiros desde a súa creación hai dous anos e con maior intensidade nos últimos meses. Recoñeceu que polo momento o Concello non pode facilitarlle unha localización municipal na que poidan instalar o seu Museo do Mar e explicou que un dos lugares idóneos serían as carpinterías de ribeira, especialmente a de Casqueiro, que ardeu hai xa uns anos, pero lembrou que levan desde 2019 esperando a concesión de Costas que permitiría unha posterior reparación. «A musealización ten cabida nos fondos europeos pero necesitamos a autorización de Costas», reivindicou.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *