As mozas de Panadaría coas luvas, o moañés Adrián Ríos, o concelleiro de Cultura, a técnica de Cultura e a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos.

Esta XXXV edición trae cinco obras repartidas en todos o fins de semana de outubro, en dous sábados e tres domingos

Mañá a partir das 13:00 horas sairán á venda as entradas para a primeira das cinco obras que compoñen en cartel da XXXV edición dos Circuítos Teatrais Celso Parada de Moaña que comezan o próximo 1 de outubro e que terán lugar, como vén sendo habitual, no salón de actos do IES As Barxas todas as fins de semana do mes. O Porco do Pé, de Producións Teatrais Excéntricas, inaugurará esta tempada o vindeiro sábado e os interesados en asistir deberán comprar as súas entradas a través da páxina web do Concello de Moaña (con tarxeta ou bizum) a un prezo de 4 euros. Como máximo poderán adquirirse catro por persoa. O sistema repetirase co resto de representacións, cada mércores anterior á función e sempre a partir das 13:00 horas.

O sábado seguinte, 8 de outubro, será o día da obra «Smoke on the water», de Ibuprofeno Teatro, dirixida a un público adulto pola temática. O domingo 16 A Panadaría poñerá sobre a mesa os problemas laborais aos que se enfrontan as camareiras de piso con «As que limpan». Neste caso, esta obra é de carácter gratuíto ao estar financiada polo programa «Tornar ás Taboas» da Deputación de Pontevedra aínda que será obrigatorio igualmente reservar a entrada dixitalmente. Dous das tres actrices, veciñas de Moaña desde hai dous anos, adiantaron hoxe na presentación que se trata dunha obra cómica que pon en evidencia as dificultades ás que se enfrontan estas traballadoras, xa que o 96 por cento son mulleres. O domingo 23 Morgana Esmelle, de Sarabela Teatro, e para pechar os Circuítos o 30 chegará Bernarda de Malasombra Producións.

As obras cuxa representación ten lugar os sábados serán ás 21:00 horas e as dos domingos ás 19:30 horas. Este ano a cafetería do IES As Barxas permanecerá aberta durante os días de representación.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *