Un momento do concerto da Escola.

O evento terá lugar o vindeiro 25 de xuño e a Banda compartirá escenario no porto de San Adrián con artistas como Rosa Cedrón, Miguel Ladrón e Paco Lodeiro

A Escola de Música de Vilaboa cumpre a súa primeira década. Unha data que a organización quere celebrar por todo o alto e como mellor sabe facelo, compartindo a súa música con tres grandes artistas galegos nun concerto aberto ao público no porto de San Adrián de Cobres. A data será o vindeiro 25 de xuño, coincidindo coa celebración da Festa dos Produtos do Mar e a Banda de Música de Vilaboa compartirá escenario con Rosa Cedrón, Miguel Ladrón e Paco Lodeiro con quenes interpretará temas sobradamente recoñecidos.

Daniel Figueira, director da Banda, é o encargado da coordinación e organización dun evento co que pretenden render homenaxe a todos aqueles que hai dez anos apostaron por un proxecto ambicioso cuia consolidación está avalada polas cifras: 170 alumnos na Escola de Música, con más de 30 cativos e cativas asistindo ás clases de música e movemento; 65 membros na Banda de Música de Vilaboa e 13 profesores especialistas que imparten 16 materias instrumentais.

“Por que Vilaboa non pode ter unha Escola de Música?” Esa foi a pregunta que Daniel Figueira e un grupo de pais se fixo hai dez anos tras impartir unha actividade extraescolar organizada pola ANPA de Riomaior. Constituiron unha asociación sen ánimo de lucro para que a Escola dera os seus primeiros pasos. E ata agora solo fixo crecer. A un ritmo de 15 alumnos por ano. Pero con tanta calidade que algúns dos primeiros rapaces e rapazas que se iniciaron na música da man desta Escola hoxe son xa mestres e moitos deles adquiren coñecementos superiores nos Conservatorios de Pontevedra e de Vigo.

Non foi unha tarefa fácil pero grazas ao empeño dun grupo de persoas en que a música fose o fío formativo dos seus fillos e fillas hoxe Vilaboa céntrase na celebración do décimo aniversario da Escola de Música, da que naceu unha Banda que recentemente conseguiu un segundo posto no Certame Galego de Bandas de Música na súa categoría xuvenil; unha Banda que está implicada e vencellada ao tecido asociativo de Vilaboa e que este verán xa ten a súa presenza comprometida nos calendarios festivos de Santa Cristina, San Adrián ou Paredes, entre outras citas.

E ainda que tanto a xunta directiva da Escola como o director da Banda están cargados de optimismo cara un futuro moi alentador para a canteira musical de Vilaboa, Daniel Figueira non perde de vista os dous retos que cada ano teñen que superar. Por unha parte está o factor económico xa que a nómina do profesorado absorbe as aportacións que fai o Concello de Vilaboa para contribuir aos gastos da Escola. E tampouco son suficientes as achegas de Deputación e Xunta, sumadas as cuotas dos pais. “A falta de orzamento limita o noso crecemento”, sentenza Daniel Figueira. E o seu segundo reto é a falla de espazo. Comparten as instalacións para ensaiar da Casa de Cultura de Riomaior, saturada e con calendarios apretados e van alternando diferentes espazos para darlle cobertura a todo a alumnado. Pero o director da Escola bota en falla en Vilaboa unhas infraestruturas á altura das dimensións da entidade musical.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *