A Xunta de Goberno aprobou o convenio co Concello para a actuación nesta estrada que dá acceso á Igrexa de Figueirido e que conta cun importante tránsito peonil
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aproba o convenio co Concello de Vilaboa para a execución das obras de mellora da seguridade viaria e peonil na EP-0104 Ramal Igrexa de Figueirido, unha nova actuación no marco da aposta para mellorar a rede de estradas provinciais co modelo de mobilidade segura, amable e sostible da institución. A actuación central será a construción dunha senda peonil ao longo dos 636 metros que ten esta estrada provincial, que remata na Igrexa de Figueirido, un viario cun importante tránsito peonil xa que serve de acceso á citada igrexa e ao cemiterio. “Seguimos a aprobar –destacou a presidenta Carmela Silva- un cambio transcendental no modelo de entender a mobilidade das infraestruturas, onde esta administración é a gran referencia de Galicia e do Estado, para garantir que as persoas sexan o centro”.
O orzamento desta mellora ascende a máis de medio millón de euros, un total
de 502.647€, do que segundo o convenio a Deputación asume o 70% (351.853€) e o Concello o 30% restante (150.794€), aínda que a administración municipal xa aprobou solicitar a financiación desta aportación e das expropiacións a través dunha achega do Plan Concellos 2022-2023.
Con esta actuación búscase mellorar as condicións de seguridade e mobilidade para as persoas que transitan por esta estrada. Na actualidade, o viario ten dobre sentido de circulación e unha sección de plataforma reducida (cunha calzada entre os 5,5 m e os 6 m), con beiravías de escasa entidade e sen beirarrúas ou sendas, o que da lugar a situacións de risco e inseguridade para as persoas usuarias.
Amais da senda, que será de formigón coloreado, contémplanse obras de pavimentación, así como a execución do sistema de drenaxe de augas pluviais e reposición de servizos afectados pola execución das obras. Tamén se acometerán outras actuacións no marco do proxecto, como a mellora das actuais paradas de bus; a rehabilitación do firme e a correcta delimitación do espazo da plataforma da estrada; a habilitación de pasos peonís sobreelevados e dun tramo de calmado de velocidade nas inmediacións do cemiterio de Santo André de Figueirido, onde se deseña unha zona de convivencia e unha praza con prioridade peonil. Así mesmo, abordarase o acondicionamento e mellora da fronte das parcelas con edificacións situadas na marxe esquerda e a mellora dos actuais dispositivos hidráulicos.
Os traballos completaranse coa disposición de mobiliario urbano ao longo da senda, consistente en bancos de pedra con asentos de madeira e papeleiras, así como coa mellora da sinalización vertical e o repintado das marcas viarias