A Deputación financiará a través dos Reacpon 461.000 euros do case o millón de euros que suporá o coste total da obra
Cun investimento de case un millón de euros (993.834,47€), Vilaboa arrancou hoxe o proceso que permitirá ampliar a Casa do Concello coa construción dun edificio anexo e accesible que vai dar resposta ás necesidades de espazos e organización municipal e reforzará a centralidade do núcleo do Toural. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde, César Poza, asinaron o convenio enmarcado no Plan ReacPon, polo que a institución achegará 461.859,85 euros e o concello 531.974,627 euros.
O proxecto, que segundo o alcalde “é un soño para Vilaboa que sería imposible sen a axuda da Deputación”, suporá a construción deste novo inmoble co que se ofrecerá á cidadanía un mellor e máis eficaz servizo, apostando amais pola eficiencia enerxética e illamento térmico, seguindo a liña dos obxectivos do programa ReacPon, o plan máis ambicioso de investimentos da historia da institución provincial.
A presidenta Carmela Silva, que cualificou o proxecto de Vilaboa como “unha aposta valente” e “moi potente”, recordou que o Plan ReacPon naceu para dar resposta con recursos extraordinarios ás necesidades que teñen os municipios de dotacións e proxectos para prestar servizos de calidade e que sen estes fondos non poderían abordar, ao tempo que se propicia a reactivación económica e social da provincia trala Covid. “É unha forma diferente de facer as cousas, con criterios obxectivos e claros”, puntualizou, afastada da amosada polo presidente da Xunta esta semana, “firmando convenios só con concellos do PP”.
A actuación suporá a habilitación dunha praza pública entre o actual edificio e o novo, que se enmarcan nos principios Ágora de recuperación de espazos e nos obxectivos da Axenda 2030, amais de estar aliñadas cos fondos Next Generation.
A distribución do edificio e da contorna
O novo edificio terá dous andares e outro máis baixo a rasanta da parcela municipal e contará cun salón de usos múltiples, unha sala polivalente e un arquivo. No exterior acondicionarase tamén o espazo para configurar unha nova praza, coa eliminación do aparcadoiro e a humanización do espazo entre a Igrexa de San Martiño e o Concello. Todo elo apostando pola eficiencia enerxética para contribuír a unha economía descarbonizada.
O alcalde César Poza subliñou que proxectos como o do Concello serían “imposibles” de afrontar sen a axuda da Deputación, “sobre todo porque ás veces é a única porta á que podemos chamar”. Neste senso, indicou que volverá pedir á Xunta apoio para abordar a necesaria reforma da actual Casa Consistorial, “que presenta deficiencias estruturais, e esperemos que nos atendan e firmen eses convenios con nós ao 100%”.
A construción do novo edificio para ampliar o Concello vén dar resposta á situación que presenta a Casa Consistorial actual, que amais de estar afastada dos requirimentos de calidade construtiva e eficiencia enerxética, non resulta funcional. Deste xeito, coa ampliación proxectada levantarase un novo edificio de uso administrativo anexo ao actual e, nunha segunda fase, conectarase con este último, que será reformado.