As interesadas poden participar no Programa Integrado de Emprego con curso de auxiliar de comercio e de axuda a domicilio e cunha alta inserción laboral
Mulleres menores de 30 anos empadroadas en Cangas e sen estudios superiores. Ese é o perfil das persoas que poderán optar a unha praza formativa no Plan Integrado de Emprego da asociación de comerciantes Zona Príncipe de Vigo tralo acordo alcanzado pola alcaldesa Victoria Portas con este colectivo a través da Federación Provincial de Comercio, Turismo e Mercados.
As mulleres interesadas en formar parte desta iniciativa financiada a través da Dirección Xeral de Formación da Xunta de Galicia deberán solicitar na Oficina de Emprego de Cangas a súa inclusión no mencionado programa, xa que a selección de alumnas realizarase a través desta oficina, que enviará ás candidatas a unha entrevista persoal nas instalacións de Zona Príncipe en Vigo.
Os detalles deste acordo foron pechados nunha xuntanza mantida pola alcaldesa, Victoria Portas, e o secretario xeral da Federación Provincial de Comercio, Turismo e Mercados, Enrique Núñez, representante tamén da asociación Zona Príncipe. Nese encontro Núñez expuxo á rexedora o alto índice de inserción laboral de edicións anteriores deste programa, no que o comercio vigués absorbeu ata un 80% das persoas formadas integrandoas nas súas plantillas laborais. Este vindeiro ano 2023 os comercios de Cangas que queiran formar parte desta iniciativa tamén o poderán facer, acollendo nos seus establecementos a traballadoras en prácticas sen ningún coste para eles.
Este novo Programa Integrado de Emprego, que terá unha duración de 12 meses, centrarase en varias formacións, a de auxiliar de depedenta de comercio, coidados auxiliares de enfermería en xeriatría, restauración, almacén, atención telefónica en telemarketing, limpeza, etc. Haberá tamén fomación transversal en múltiples materias como a manipulación de alimentos, prevención de riscos laborais, coaching, motivación, intelixencia laboral, habilidades sociolaborais, emprendemento de talleres, etc.
Unha ferramenta para integrarse no mercado laboral
A alcaldesa de Cangas, Victoria Portas, considera que este programa é unha
excelente ferramenta para mellorar a formación desde un punto de vista práctico e titorizado, xa que permite as alumnas beneficiarse das vantaxes de contar con docentes que deseñan un itinerario de busca de emprego individualizado segundo as circunstancias de cada participante. Os responsables do desenvolvemento do programa contactan coas empresas do entorno para que as alumnas realicen as prácticas nos seus centros de traballo.
En canto á materia formativa Victoria Portas destaca a alta demanda laboral de auxiliares de axuda a domicilio, profesionais que teñen que dar resposta ás necesidades dunha poboación cada vez máis envellecida que esixe atención especializada. En canto ao comercio a alcaldesa insiste en que é o eixo vertebrador do modelo de cidade que ten para Cangas o goberno local. “O comercio de proximidade fai cidade, sen el as vilas apáganse; de aí a importancia de que o propio sector se forme e se actualice”.
Pola súa parte Enrique Núñez anima ás mulleres menores de 30 anos de Cangas que estén en búsqueda activa de emprego a participar nesta iniciativa cuxos resultados en términos de inserción laboral están avalados polas cifras de edicións anteriores. “Encontramos unha acollida fantástica por parte das empresas de Vigo, que permiten ás alumnas poñer en práctica a formación teórica que reciben. É o mellor xeito de aprender e de que, ao término do programa, teñamos profesionais de alta cualificación”.