A sesión celebrarase este xoves no edificio consistorial
O Concello convocou para este xoves ás 17.00 horas o Consello Escolar Municipal, unha convocatoria na que participan dez mestres, seis da ensinanza pública (en representación dos sindicatos) e catro da ensinanza concertada; seis pais ou nais, catro da pública e dous da concertada; catro representantes do alumnado, dous da pública e dous da concertada; un representante da Consellería de Educación e dez membros da corporación municipal.
Segundo adiantou a concelleira de Educación, Marián Sanmartín, o obxectivo da convocatoria é o de poder tratar diversas propostas dos distintos sectores representados no Consello e avaliar a proposta de zonificación na que está a traballar a Consellería de Educación a nivel autonómico.
Ademais, a convocatoria servirá tamén para facer un repaso das últimas inversións que se executaron nos centros educativos da vila, así como das actuacións que está previsto levar a cabo neste ano académico.