Marín acorda celebrar a Feira de Oportunidades «Marín Black Weekend» os días 25, 26 e 27 de novembro, coincidindo cunhas datas nas que comercialmente, se aplican descontos e promocións, motivadas polo “Black Friday” e o “Ciber Monday”. Así se decidiu na Mesa Local de Comercio, presida pola alcaldesa, María Ramallo, na que se analizou a situación actual do mercado azoutado pola crise económica que deixou unha acumulación de stocks nos establecementos comerciais.
Por este motivo, atendendo á demanda dos comerciantes, o Centro Comercial Aberto Estrela de Marín propuxo a celebración desta feira de oportunidades, que ademáis se complementaría coa posta en marcha dunha das atraccións máis características da tempada de nadal, como é o “Carrusel Infantil”.
Nesta edición, participarán 16 comerciantes da nosa vila, xa que é o espazo dispoñible na carpa que instalará o Concello na alameda, e que se utilizará posteriormente, con motivo das actividades infantís do Nadal. Estarán representados diferentes sectores, que ofrecerán descontos significativos nos seus productos.
Ademáis na Mesa Local de Comercio, informouse favorablemente sobre o proxecto de dinamización comercial que a Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos de Marín que vén de presentar á Xunta de Galicia, ao abeiro da orde de subvencións para o impulso da Rede de Mercados Excelentes de Galicia e a dinamización das prazas de abastos.