O Consello Municipal da Muller e a Mesa Contra a Violencia de Xénero focalizaron as súas últimas convocatorias na preparación do que será a conmemoración do 25 de novembro na vila.
Tal e como se ven facendo todos os anos, entregaranse os Premios Lazo Violeta nun acto institucional no Concello, cos que se recoñece a colectivos que traballan en prol da igualdade de xénero e pola defensa da muller contra as violencias.
A concelleira de Igualdade, Marián Sanmartín, informou de que a proposta do Consello da Muller, este ano os premios adicaranse «a todas aquelas institucións deportivas marinenses que traballan responsablemente na ruptura de estereotipos de xénero e na loita contra a violencia machista”.
O borrador da declaración recolle os datos da violencia machista en Marín. Na nosa vila, hai 38 casos activos a nivel policial, dos que 21 precisan un teléfono de asistencia e protección as 24 horas. Precisamente, o obxectivo da declaración será tamén poñer en valor o traballo coordinado entre as distintas institucións e corpos de seguridade local e nacional implicados na xestión destes casos.