O Entroido en Cangas volve á normalidade prepandemia e desde o venres 17 e ata o mércores 22 terá lugar unha programación cultural para todos os públicos. Como novidades máis destacadas: este ano súmase a comparsa Repunantes, de recente creación, e que a carpa estará instalada na rúa Eduardo Vicenti. Polo demais, a listaxe de actividades arrincará cun concerto de Entroido do grupo musical Mornura en homenaxe á comparsa Os Mariñeiros con temas de entre 1980 a 1990. Será ás 21:00 horas no auditorio Xosé Manuel Pazos Varela.
Xa o sábado, a partir das 17:00 horas, animación infantil e ás 19:30 horas, actuación de Henderson, un grupo especializado en facer unha versión temas populares. Será o entrante antes do pregón e da posta en escena das comparsas, Repugnantes, Marcha Loca e Os de Sempre. Polo momento non se desvelou quen será o pregoeiro ou pregoeira, simplemente adiantouse que «será unha persoa moi querida», puntualizou o edil Adrián Pena.
Desde as 21:00 horas, actuación de Hendersons e a partir das 22:00 horas entroido Alondras na Alameda Nova, Xardíns do Sinal.
A fin de semana continuará co desfile infantil do domingo ás 18:00 horas. Percorrerá desde o Concello ata a Estación de autobuses e volverá por 25 de Xullo, entrando polo lateral da Praza de abastos ata chegar á carpa. Ás 19:30 horas, Uxía Lambona e a Banda Molona farán unha festa infantil para as familias. A xornada terminará coa actuación de comparsas polas rúas e prazas do Concello desde as 20:00 horas.
Coa chegada da nova semana continuará a animación infantil e os obradoiros da man de Animar-t Animación desde as 17:00 horas. Ás 20:00 nova actuación das comparsas con Repunantes, Marcha Loca e Os de Sempre na carpa. O martes 21 ás 18:30 horas Gran xincana de Entroido polas rúas de Cangas e na carpa e como fin de festa o mércores 22, enterro do Momo ás 19:30 horas. Precisamente a este personaxe é ao que fixo unha chiscadela o creador do cartel desta edición, o cangués Rubén Cembellín.
A alcaldesa, Victoria Portas, presente na presentación da programación do Entroido 2023, avanzou que haberá moito «ambiente» nas rúas de Cangas e en canto ás letras das cancións que adoitan ter como protagonistas aos políticos locais asegurou que «llo tomarán ben porque en Entroido perdóase todo».