Socorristas simulando un caso nunha praia de Marín.

Os avisos preventivos case se duplicaron respecto de 2025, mentres se reduciron as feridas, as queimaduras e os rescates acuáticos

O servizo de socorrismo das praias de Marín pecha a tempada de verán de 2026 cun balance de 3.373 asistencias nos areais de Portocelo, Mogor, Aguete, Loira e Santo. O informe elaborado ao remate da tempada pon de manifesto o importante labor preventivo desenvolvido polos equipos de socorrismo, así como a capacidade de resposta ante situacións de distinta consideración.

Un dos datos máis salientables deste ano é precisamente o incremento da actividade preventiva. Dos 3.373 rexistros contabilizados, 2.128 corresponden a avisos preventivos aos bañistas, fronte aos 1.170 realizados en 2025, o que supón practicamente duplicar este tipo de intervencións.

Este reforzo da prevención tivo tamén a súa repercusión nas incidencias evitables: as feridas baixaron de 585 a 489, as queimaduras pasaron de 30 a 8 e os rescates acuáticos reducíronse de 4 a 1.

Entre as asistencias máis numerosas figuran as feridas, con 489 intervencións, e as picaduras de faneca, insectos e ourizos, con 488. Tamén se rexistraron 140 atencións sanitarias leves, 23 traumatismos por contusións, 15 por escordaduras, luxacións e fracturas e 8 queimaduras. O servizo atendeu, ademais, seis casos de menores extraviados.

No apartado de atencións sanitarias de maior relevancia, o balance recolleu 7 lipotimias ou perdas de consciencia, 8 traslados en ambulancia e un rescate acuático realizado polos propios socorristas. Non se rexistraron paradas cardíacas, nin recuperadas nin non recuperadas.

Intervencións destacadas ao longo do verán

Ao longo da tempada producíronse diferentes situacións que requiriron unha intervención especialmente destacada por parte dos equipos de socorrismo. Entre elas figuran sospeitas de anxina de peito, perdas de consciencia e lipotimias, reaccións alérxicas, traumatismos con posibles escordaduras ou luxacións, unha fractura aberta dun dedo, unha crise epiléptica, un atragoamento parcial e diferentes caídas nas rochas.

Tamén foi necesario actuar ante situacións relacionadas co medio acuático, como a presenza dun barco á deriva dentro da zona de baño en Mogor, a extracción da auga dun home en estado de embriaguez en Portocelo e dous rescates acuáticos por indisposición, un deles en Mogor.

Para a concelleira de Turismo, Cristina Acuña, o balance confirma o bo funcionamento do servizo durante todo o verán: “O balance desta tempada é moi positivo e, sobre todo, pon en valor o traballo que moitas veces non se ve: a prevención, que permite que as cuestións máis graves tamén se reduzan e teñamos veráns máis tranquilos e seguros, que é do que se trata”.

A concelleira destacou tamén a aposta do Goberno local por manter uns areais dotados de servizos de calidade e preparados para responder ante diferentes situacións.

Melloras nas comunicacións, equipamentos e formación

Durante esta tempada tamén se introduciron diferentes melloras destinadas a optimizar o funcionamento do servizo. Entre elas destaca a instalación dun novo repetidor dixital na torre de comunicacións de Castrove, que permitiu contar cunha cobertura máis estable e eficaz entre os distintos postos de socorrismo.

Tamén se renovou parte do material e equipamento, incorporando unha nova emisora dixital para O Santo, cinco tubos de rescate, dúas sombrillas, catro cadeiras plásticas, unha carpa de sombra para Loira, dous megáfonos portátiles, un inmobilizador de cabeza para o taboleiro espiñal acuático e catro xogos de electrodos de recambio para os desfibriladores.

No ámbito da atención ás emerxencias, mantívose operativo o desfibrilador adquirido para Aguete 2 e incorporáronse dúas novas botellas de osíxeno, que se suman ás catro propiedade do Concello. Ademais, toda a plantilla realizou formación regrada no uso dos Desfibriladores Externos Semiautomáticos (DESA) e desenvolvéronse diferentes simulacros de emerxencias, tanto no medio acuático como nos propios areais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *