A Alameda Rosalía de Castro será o escenario desta competición, que xa supera as cen persoas inscritas e manterá aberto o prazo de participación ata este venres
A Alameda Rosalía de Castro acollerá o vindeiro 12 de setembro, a partir das 12.00 horas, a primeira edición en Marín da Omnia Race, unha proba deportiva baseada nunha modalidade actualmente en auxe e cunha presenza cada vez maior nos ximnasios e centros deportivos da comarca.
A presentación da competición tivo lugar esta mañá na propia Alameda Rosalía de Castro, nun acto no que participaron os concelleiros Antonio Traba e Antonio Cañiña, xunto cos organizadores da proba, pertencentes ao 004, que explicaron as características dunha competición que chega por primeira vez á vila.
A Omnia Race combina tramos de carreira con exercicios de forza e diferentes estacións deportivas, nun formato dinámico que está a gañar adeptos entre as persoas afeccionadas ao deporte e ao adestramento funcional. A proba marinense contará cun circuito de 5 quilómetros, no que as persoas participantes deberán completar dez tramos de carreira e nove estacións de exercicios.
Desde a organización salientaron a boa resposta que está a ter a convocatoria, que xa supera as 100 persoas inscritas a falta aínda de varios días para acelebración da carreira. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata este venres, polo que as persoas interesadas aínda están a tempo de participar nesta primeira edición da Omnia Race en Marín.
A inscrición pode realizarse a través da páxina web habilitada pola organización, cuxa ligazón pode consultarse a través das redes sociais da propia proba.

