O proxecto, integrado no PAI-Marín 360 e financiado a través dos novos Fondos EDIL, conta cun orzamento de 642.405,72 euros, cofinanciado nun 60% pola Unión Europea a través do FEDER

O Concello de Marín quere apostar pola mellora urbana dos barrios da vila, como o da Cañota, cun novo proxecto orientado a mellorar a súa integración coa trama urbana e favorecer unha mobilidade máis sostible, segura e accesible. Trátase do proxecto de mellora da integración e da conexión peonil do barrio da Cañota coa trama urbana a través da reurbanización das rúas Carballiño e
Cañota, unha actuación incluída no PAI-Marín 360 e que forma parte dos proxectos que serán financiados a través dos novos Fondos EDIL.

O Concello procederá á contratación da redacción do proxecto, a dirección facultativa e a coordinación de seguridade e saúde desta actuación, que conta cun orzamento de 642.405,72 euros. O proxecto estará cofinanciado nun 60%
pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

A intervención forma parte dun eixe máis amplo de actuación no barrio da Cañota, que ten como obxectivo transformar este ámbito nun entorno máis sostible e habitable, mantendo ao mesmo tempo a súa identidade e os seus valores como barrio.

O principal obxectivo da actuación será mellorar a conexión do barrio coa Avenida de Ourense a través de itinerarios peonís e solucións de mobilidade sostible, facilitando así a comunicación coa que é unha das principais vías do municipio e favorecendo a integración da Cañota no centro urbano de Marín.

A actuación permitirá, deste xeito, avanzar cara a un modelo urbano no que os barrios estean mellor conectados entre si e no que os desprazamentos a pé teñan cada vez maior protagonismo, contribuíndo á creación de espazos públicos máis accesibles, cómodos e pensados para o uso e o desfrute da veciñanza.

Desde o Concello destacan que os Fondos EDIL representan unha oportunidade para continuar desenvolvendo proxectos de transformación urbana que combinen a mellora dos espazos públicos coa sustentabilidade, a accesibilidade e a cohesión territorial, apostando por unha Marín máis conectada, habitable e preparada para o futuro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *