A inversión, realizada pola Deputación de Pontevedra, titular da vía, ascende a case 85.000 euros.
O coidado das infraestruturas viarias no rural é unha das prioridades de traballo do Goberno local, que trata de chegar a acordos coas administracións titulares das distintas vías para renovalas ou implementar melloras nas mesmas.
Desta vez é o caso da EP-1201 Marín – Penizas, na que acaba de iniciarse a execución das novas cunetas de seguridade que permiten ampliar a plataforma do vial para o peón e canalizar a drenaxe das augas pluviais na vía provincial.
A obra son 400 metros lineas, desde o parque infantil da Moreira ata o cruce do Castro da Subidá pola marxe esquerda. A empresa adxudicataria dos traballos é Excavaciones y construcciones Pérez S.L. por un importe de 84.847 euros, financiado íntegramente por fondos propios.
Tal e como expón o Goberno local, trátase dunha “obra moi demandada pola Asociación de Veciños Monte Penizas, Moreira, Cidrás e Porteliña porque nesa zona a estrada é moi estreita e as cunetas moi profundas e non había marxe para camiñar e producíanse filtracións a parcelas lindantes”.
Esta actuación complementa a unha primeira que se realizara o ano pasado e deixa completamente mellorada a vía.

